Á espera de que o Tribunal Administrativo de Contratación Pública de Galicia resolva o recurso presentado pola anterior concesionaria (PreZero) contra a decisión de adxudicar a Elsamex o groso do novo contrato de Parques e Xardíns, o concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, anunciou este luns a activación da parte outorgada á Fundación Juan XXIII.
Os seis operarios contratados poderán comezar a traballar desde xa nas zonas que lles corresponden. Tal e como sinalou o edil socialista, "trátase do lote que estaba reservado a entidades sociais, que foi adxudicado a Juan XXIII por uns 148.000 euros anuais e que non está afectado pola impugnación, o que lles permite iniciar a cobertura da limpeza e mantemento de espazos como O Miradoiro de Monte Porreiro, a Cidade de Pedra, o contorno da estación intermodal, Amalia Álvarez e o futuro parque da pasarela de 12 de Novembro".
Puentes amosou a súa vontade de que o recurso presentado contra a adxudicación a Elsamex "se poida resolver canto antes, de xeito que se levante a suspensión cautelar do procedemento e a xestión deste lote, que representa o groso do novo contrato, se poña tamén en marcha entre finais de xaneiro e principios de febreiro de 2023".
É unha concesión de catro anos (prorrogable por un) que suporá un investimento global de máis de 4 millóns de euros (a millón por ano), incrementándose o orzamento nun 60,75% en relación ao anterior e a superficie, que pasa de 884.000 a 1,2 millóns de metros cadrados, nun 42%.
A meirande parte do investimento, 3,4 millóns de euros (arredor de 870.000 euros ao ano), correspóndese co lote adxudicado a Elsamex, á que lle corresponde o mantemento de espazos tan importantes como Campolongo, a Alameda, As Palmeiras, Mollavao, a Illa das Esculturas, o contorno do río dos Gafos, A Xunqueira de Alba ou as zonas verdes da Uned.
Ámbalas concesionarias encargaranse de manter en perfecto estado parques urbanos, xardíns, xardineiras, zonas verdes de colexios públicos e centros socioculturais e unha parte do parque forestal do Pontillón do Castro, así como medianeiras, noiros e rotondas. O contrato incrementará o seu radio de acción cara ao barrio de Monte Porreiro (que se cubrirá por completo), parte do campus universitario de Pontevedra e o contorno do Pazo da Cultura.
Así mesmo, establece máis de 70 áreas de actuación con zonas verdes ou espazos axardinados, entre as que tamén se inclúen as avenidas de Bos Aires e Uruguai, o parque de Valdecorvos, os antigos terreos de Tafisa, as sendas fluviais do Lérez, o contorno de Pasarón, o paseo peonil das Corbaceiras, Ponte Muíños, a Praza de Galicia e Augusto García Sánchez.
Ademais de multiplicar a superficie de intervención, o novo contrato de Parques e Xardíns aumenta a plantilla de traballadores dos 13 actuais ata os 26 (coa subrogación dos actuais, serán 20 para o lote de Elsamex e 6 para o de Juan XXIII) e incrementa en máis do dobre o número de árbores que se atenderán, dos 838 exemplares actuais a 1.725, abranguendo o tratamento de alcriques, a limpeza de malas herbas e maleza e todo o arboredo viario.
Iván Puentes está convencido de que "unha vez se poida poñer en funcionamento o groso deste ambicioso contrato, a Concellería de Desenvolvemento Sostible logrará dar un enorme salto de calidade na conservación das zonas verdes, dando atención a parques de barrio como os de Monte Porreiro, incorporando os xardíns da Uned, que se abrirán ao público este ano, ou a tódalas zonas verdes dos colexios públicos e contornos de centros sociais das parroquias do rural".
O departamento que dirixe o edil do PSOE tamén agarda darlle un forte pulo a aspectos como a sostibilidade e a loita contra o cambio climático, incorporando novas máquinas e vehículos eléctricos sen emisións de gases de efecto invernadoiro, reducindo a aplicación de fitocidas e herbicidas ao mínimo e aplicando un conxunto de procedementos de xestión destinados a acadar a excelencia na calidade ambiental do mantemento das zonas verdes. Asemade, o contrato sitúa en primeiro plano a integración e recoñecemento social dos traballadores con diversidade funcional, que resultan esenciais nas tarefas de conservación dos nosos xardíns e espazos verdes.