Acordo institucional para que a Deputación transfira á Xunta o Pazo de Lourizán e a Escola de Cantería

05 de xullo 2022

A Sala de Xuntas do Pazo provincial da Deputación acolleu este martes a firma deste acordo, cualificado como "histórico" pola presidenta provincial, Carmela Silva e polo vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia da Xunta de Galicia, Diego Calvo

Sinatura do protocolo de intencións para transferir á administración autonómica o Pazo de Lourizán e a Escola de Cantería Mónica Patxot

A Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra subscribiron un protocolo de intencións para transferir á administración autonómica o Pazo de Lourizán e a Escola de Cantería.

A Sala de Xuntas do Pazo provincial da Deputación acolleu este martes a firma deste acordo, cualificado como "histórico" pola presidenta provincial, Carmela Silva e polo vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia da Xunta de Galicia, Diego Calvo. 

Tamén asistiron á firma deste protocolo de intencións, o vicepresidente da Deputación de Pontevedra e impulsor do acordo, Cesar Mosquera; o conselleiro de Medio Rural, José González; o deputado de Réxime Interior, Carlos López Font; a directora xeral de Administración Local, Natalia Prieto e o secretario xeral técnico de Cultura, Manuel Vila, entre outras autoridades.

Os impulsores deste acordo foron César Mosquera e o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez que foron quen iniciaron as conversas.

No texto establécese a intención de impulsar os instrumentos xurídicos máis axeitados para levar a cabo a cesión, que inclúe os recursos persoais e materiais precisos para a actividade que desenvolven ambos centros. As instalacións poderán utilizarse para fins de uso xeral ou servizo público.

Carmela Silva avanzou que "trala sinatura poremos en marcha a maquinaria administrativa, non temos prazos pero será breve" e engadiu "o noso compromiso é total".

Pola súa banda, Diego Calvo sinalou que "esforzámonos e chegamos a un acordo porque o importante era esa cesión" do Pazo de Lourizán e da Escola de Cantería que "son dous activos moi importantes e daráselles un impulso". O vicepresidente segundo da Xunta asegurou que "o protocolo está moi traballado e hai interese de traballar para superar calquera dificultade".

O vicepresidente segundo destacou que a titularidade da Finca de Lourizán lle vai permitir á Xunta traballar na recuperación dun espazo de alto valor histórico e natural. 

En canto á Escola de Cantería de Poio, Diego Calvo sinalou que co traspaso da súa titularidade se impulsarán as ensinanzas de Formación Profesional na provincia de Pontevedra para darlles resposta ás necesidades de alumnado e empresas.

A Consellería de Cultura, Educación e Formación Profesional e Universidades ten previsto analizar as instalacións e os posibles ciclos a implantar, tras consultar o empresariado do sector e avaliar a demanda. Deste xeito, refórzase a aposta do Goberno galego por estas ensinanzas, garantía de emprego e de profesionalización.

O obxectivo é potenciar os estudos da familia profesional das industrias extractivas, ámbito de especial transcendencia para o patrimonio e o sector da construción, e cunha elevada demanda en Galicia.