'Canto paxariño' é o nome da iniciativa coa que a Universidade de Vigo convida á cidadanía, durante o confinamento, a identificar ás pequenas aves que se poden observar desde xanelas e balcóns. A proposta foi impulsada polo programa Green Campus e a Oficina de Medio Ambiente da Universidade a través das redes sociais.
Cada semana vanse subindo dúas ou tres imaxes de paxaros cuxo avistamento resulte fácil ou relativamente frecuente, que se acompaña dun texto divulgativo sobre a especie, hábitat e as súas ameazas. O director do Campus Crea e de Green Campus, Carlos Souto, convida a participar nesta proposta que é "unha pequena actividade que cando menos, achega un pouco de alegría" e quere espertar o interese pola natureza "que neste parón é un dos mellores agasallos que temos".
A idea xurdiu da bolseira da Oficina de Medio Ambiente, Nerea Mallo, quen se encarga da redacción das fichas que acompañan a cada unha das imaxes destas aves. Ata o momento difundiuse o Pinzón vulbar ( Fringilla coelebs) e un Ferreiriño azul ( Cyanistes caeruleus).
A modo de recomendación para quen se anime a participar nestes avistamentos desde as súas vivendas, as mellores horas para velos son as primeiras horas da mañá e a última hora da tarde.