O acendido do Tizón de Nadal anticipa en Barro os días grandes destas festas

Barro
24 de decembro 2024

Este evento, que a partir de agora promete ser unha homenaxe ás raíces culturais do municipio, estivo protagonizado por Carme González Parada, unha veciña centenaria de Barro

Acendido en Barro do Tizón de Nadal Concello de Barro

Barro recuperou unha tradición da cultura popular galega: o prendido do Tizón de Nadal.

Este evento, que a partir de agora promete ser unha homenaxe ás raíces culturais do municipio, estivo protagonizado por Carme González Parada, unha veciña centenaria de Barro, quen coa súa sabedoría e experiencia, deu vida a esta costume ancestral.

A tradición do Tizón de Nadal consiste en acender un bo toro de madeira, permitindo que arda lentamente.

En diversas localidades galegas, críase que o tizón debía permanecer aceso ata o Aninovo ou ata o día de Reis, acendendo un pouco cada día.

Este ritual non só buscaba protexer o fogar de males, senón que tamén se asocia coa idea de aloumiñar as almiñas dos defuntos, quen se cre que nos visitan nestas datas sinaladas.

Acendido en Barro do Tizón de NadalConcello de Barro

A cinza do tizón, que se esparexe nos campos, é considerada un fertilizante máxico, mentres que a tradición de non recoller a mesa tras a cea permite que as almas dos antepasados compartan con nós este momento de unión familiar.

Antes do acendido, a antropóloga e colaboradora da TVG, Lidia Mariño, ofreceu unha breve exposición sobre a historia e significado do Tizón de Nadal e outras costumes populares.

Logo do acto, continuou a programación do Nadal no Pazo da Crega coa actuación de Foucellas e o Ladrón de paraugas, un espectáculo pensado para o público infantil e que combinou a narración, os monicreques e a música.