Aceites Abril recollerá unhas 35 toneladas de olivas de gran calidade para elaborar o seu aceite "100% galego"

O Salnés
27 de outubro 2023

A empresa ourensá Aceites Abril ten boas expectativas e confía alcanzar este ano unha produción de 35.000 quilogramos de oliva para a elaboración de "Colleita Propia", o seu aceite de oliva 100% galego que se traducirá nunha edición limitada de 7.000 botellas de medio litro

Oliveira Aceites Abril

A empresa ourensá Aceites Abril ten boas expectativas e confía alcanzar este ano unha produción de 35.000 quilogramos de oliva para a elaboración de "Colleita Propia", o seu aceite de oliva 100% galego que se traducirá nunha edición limitada de 7.000 botellas de medio litro. 

Esta cifra supón un incremento aproximado do 15% con respecto á colleita da campaña anterior.

As comarcas pontevedresas do Salnés, Caldas de Reis, Baixo Miño e o Deza forman parte das 140 hectáreas que, na actualidade, ten esta firma familiar da man dun centenar de produtores repartidos tamén polas comarcas de Verín, Valdeorras, Quiroga, Terras de Lemos, O Ribeiro, Ourense e Carballiño.

Alberto Fernández Míguez, responsable da área de Agro de Aceites Abril, apunta que "a calidade da oliva é moi boa, podemos dicir que excelente, que está a chegar en moi bo estado, realmente cunha aparencia formidable".

Esta campaña o rendemento por hectárea difire moito dunha parcela a outra en función da súa localización ou da posibilidade de rega. Estes condicionantes, segundo explica Alberto Fernández, farán que o rendemento das leiras poida oscilar entre os 1.000 e 3.000 quilos de oliva recollida por hectárea

A nivel de consumo, apuntan desde Aceites Abril que este aceite 100% galego está "consolidado", de feito, aseguran que "se continúan esgotando as existencias en fábrica desde fai dúas edicións". Haberá que esperar a decembro a que a nova colleita deste produto estea de novo dispoñible en tendas de alimentación especializada e na propia tenda on-line de Aceites Abril.

"Colleita Propia" é un proxecto iniciado por Aceites Abril fai máis dunha década, que ofrece aos pequenos produtores, ademais do compromiso de compra da produción a un prezo superior á media nacional, o estudo de viabilidade das súas parcelas, así como asesoramento técnico e formativo. 

Neste sentido, Alberto Fernández, responsable de Agro da firma, engadiu que "Colleita Propia é o resultado da nosa firme aposta e compromiso de recuperación das oliveiras de Galicia xunto a máis dun centenar de produtores locais".