Accidente marítimo no Grove: Turistas de toda España, Portugal ou Alemaña entre os afectados

O Salnés
25 de xullo 2018
Actualizado: 15:38

Segundo puido saber PontevedraViva, entre as 52 persoas que ían a bordo figuraban varios visitantes chegados doutros puntos de Galicia e doutras comunidades como Madrid, Navarra ou Barcelona. Oito eran menores de entre 4 e 16 anos e o resto adultos de entre 21 e 79 anos 

Dispositivo no porto do Grove tras o incendio nun catamarán Mónica Patxot

O incendio nun catamarán rexistrado na tarde deste martes cando facía a ruta entre a illa da Toxa e o porto do Grove deixou un regueiro de afectados por toda España e parte do estranxeiro. A maioría dos pasaxeiros que ían a bordo da embarcacion eran turistas e entre eles figuran varias nacionalidades distintas

Segundo puido saber PontevedraViva, entre as 52 persoas que ían a bordo figuraban varios visitantes chegados desde Portugal ou unha familia de Alemaña, así como veciños doutros puntos de Galicia e doutras comunidades como Madrid, Navarra ou Barcelona

A Garda Civil, responsable do operativo de seguridade e da investigación posterior, contabilizou que no catamarán ían 52 persoas, das que 3 eran tripulantes, un era familiar da tripulación e os outros 48 figuraban como pasaxeiros. Entre estes últimos, oito eran menores de entre 4 e 16 anos e o resto adultos de entre 21 e 79 anos.  

En total, 14 resultaron ilesos e 38 feridos. Segundo o parte oficial da Consellería de Sanidade, os dous de maior gravidade foron trasladados con queimaduras moi graves ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña -unha muller de 60 e un home de 70- e outros tres foron atendidos tamén con queimaduras graves e derivados ao Hospital Povisa de Vigo. 

Os restantes pacientes foron atendidos con prognósticos de menor consideración no Hospital de Montecelo (7), no Hospital do Salnés (8), no Hospital Provincial de Pontevedra (1 menor) e no Hospital Domínguez (2). Destes últimos, oito xa foron dados de alta na tarde do martes.

O resto dos pacientes foron atendidos no PAC do Grove e no mesmo lugar do suceso sen que fose necesario trasladalos a centros hospitalarios. Para atenderlles, desde o Sergas, a través das urxencias sanitarias 061 mobilizáronse 2 helicópteros; 3 ambulancias asistenciais de soporte vital avanzado; 12 ambulancias de soporte vital básico; 2 equipos sanitarios do PAC do Grove, 1 vehículo de apoio loxístico e 4 ambulancias de apoio. Ademais tamén participaron 5 equipos de Protección Civil (2 de Vilagarcía, 2 de Pontevedra e 1 da Estrada).

A Garda Civil segue investigando os feitos e a orixe do ocorrido, pero, segundo as primeiras investigacións, sobre as 16.15 horas produciuse unha explosión nunha bombona de butano da cociña do catamarán e, a continuación, iniciouse un incendio e o barco acabou chocando cunha batea próxima, na que causou pequenos danos. 

FALSAS NOVAS

Ante algunhas informacións divulgadas por medios nacionais especulando coa desaparición dalgún pasaxeiro a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba saíu ao paso desta noticia falsa para precisar que a cifra de persoas implicadas no incendio do barco é a facilitada e que esta foi comprobada pola expedición de tickets da empresa, as fotos que se toman ao subir ao barco (só un grupo non lla quixo facer e xa está controlado) e por último, a todos os rescatados preguntóuselles se notaban a falta de alguén, sen que ningún deles dixese nada. Tal e como publicou desde un principio PontevedraViva.

A Subdelegación, a maiores, pediu que se identifique á fonte que difundiu esta información falsa para entrevistarse con ela. Explica a subdelegada que xa pasou noutros casos que ao ver o sinistro en televisión hai persoas que por calquera causa non son capaces de contactar cun familiar que está de vacacións na zona e pensa que puidese estar involucrado.