Accidente marítimo no Grove: "O barco en 20 minutos quedou en nada. Puido ser unha traxedia"

O Salnés
24 de xullo 2018
Actualizado: 23:25

Un catamarán con 52 persoas empezou a arder e chocou cunha batea e deixou un balance de 14 persoas ilesas e 38 feridas. Sufriron queimaduras, inhalación de fume, contusións e hipotermia. Dous foron trasladados en helicóptero á unidade de queimados do CHUAC

Dispositivo no porto do Grove tras o incendio nun catamarán Mónica Patxot

Parecía unha tranquila tarde de verán no Grove, co bulicio habitual destas datas e dunha véspera de festivo, pero sen nada fóra do habitual, cando, de súpeto, desde o porto empezou a verse unha densa nube de fume negro dun barco. A alarma estendeuse en cuestión de minutos por todo o municipio, xerándose unha densa fumareda visible desde todas as esquinas e moita preocupación. "Ardía tanto, era tan negro... puido ser unha traxedia", destacou unha das testemuñas que o presenciou todo desde o peirao.

Habería que esperar ata varias horas despois para que se aclarasen os feitos e as cifras oficiais lograsen empezar a tranquilizar os nervios de veciños e veraneantes. Un catamarán cheo de pasaxeiros empezou a arder e chocou cunha batea e deixou un balance de 38 feridos, dos que, en principio, non se teme pola vida de ningún.

O servizos de emerxencias atenderon a un total de 52 persoas que ían a bordo do buque, das que 48 eran pasaxeiros -8 deles nenos-, tres membros da tripulación e un familiar dun dos tripulantes. Un total de 14 resultaron ilesos e 38 feridos de distinta consideración e trasladados a distintos centros sanitarios. Segundo os datos oficiais facilitados pola subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, tan só cinco adquiriron maior gravidade, dous deles trasladados en helicóptero á unidade de queimados do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña e tres a Povisa en Vigo 

Fontes da Garda Civil, que investiga o suceso, indicaron que sete feridos foron trasladados ao Hospital Montecelo, un neno menor de idade ao Hospital Provincial, catro ao Hospital do Salnés, cinco ao centro de saúde de Baltar, en Portonovo (Sanxenxo) e 19 ao centro de saúde do Grove

Todo ocorreu ás 16.15 horas da tarde e deseguido xurdiu ese espírito solidario que caracteriza a esta localidade das Rías Baixas ante toda traxedia: decenas de persoas saíron a axudar. "Foi impresionante. Mariñeiros, bateeiros, outros barcos… todos", destacaba pouco despois, con todo xa máis acougado, o alcalde do Grove, José Antonio Cacabelos, orgulloso dos seus veciños e veraneantes.

O catamarán facía a ruta entre a illa da Toxa e o porto do Grove e empezou a arder á altura do campo de golf e a escena víase á perfección desde o peirao e desde todo o centro do pobo. Tras sentir a explosión, algúns dos pasaxeiros tiráronse ao mar e non pasarían máis nada que uns minutos ata que empezaron rescatados por pequenas embarcacións de recreo e por outros barcos de pasaxeiros que estaban na zona.

Pouco despois achegábanse o servizo marítimo da Garda Civil, os helicópteros Pesca I e Pesca II, o buque Irmáns García Nodal e as embarcacións Roncadeira e Salvamento Sargadelos de Salvamento Marítimo, que concluíron o rescate e todos os pasaxeiros e tripulantes foron trasladados ao peirao do Grove. 

O operativo implicou a decenas de efectivos de Protección Civil e a Garda Civil de toda a comarca de Arousa e das veciñas das Rías Baixas e, segundo as testemuñas, a ata dúas decenas de ambulancias que atenderon aos feridos. Segundo un dos sanitarios do 061, de nome Delfín, que atendeu aos medios no peirao, a maioría dos feridos sufrían queimaduras de pequena gravidade, ningún resultou ferido pola explosión e algúns sufriron síntomas de hipotermia por tirarse á auga fuxindo do lume. Outros sufriron contusións ou resultaron afectados por inhalación de fumes. 

A Garda Civil aínda está a investigar as causas do ocorrido, pero todo apunta a que se produciu unha explosión nunha embarcación nunha bombona de butano na cociña. A Delegación do Goberno indica que tras esa explosión, o patrón trasladou a todos os pasaxeiros á zona de cuberta, aínda que debido á rapidez na que se propagou o lume e o fume, optaron por abandonar o barco e aí é cando empezaron a ser auxiliados por outras embarcacións próximas.

Os pasaxeiros, unha vez que chegaron a porto, relataron ás testemuñas que seguiron con moita atención e preocupación todo desde o peirao que "sentiron unha pequena explosión", pero ninguén sabe determinar exactamente que ocorreu.

No que coinciden todas as testemuñas é en que todo ocorreu moi rápido. "O barco en 20 minutos quedou en nada", relatou Arturo Múñoz, un mariñeiro do Grove que vive a escasos metros do peirao de pasaxeiros e achegouse rapidamente a ver que ocorría. Isaura Domínguez, que ten un posto de venda de artesanía ao pé da dársena, indició que nin sequera sentiu a explosión e, de súpeto, "estaba todo ardendo, a lume vivo e en cinco minutos arrasou con todo".