Absteranse os socialistas pontevedreses ou manterán o seu non a Rajoy?

Pontevedra
14 de outubro 2016

A situación convulsa que vive o PSOE en Madrid e Galicia trasládase a Pontevedra e coa posible investidura de Mariano Rajoy como detonante. Son cada vez máis os cargos orgánicos que entenden que, aqueles que teñen responsabilidades na xestión do partido, deber mostrar un posicionamento "claro": absterse ou votar en contra dun goberno do PP

Comisión executiva del PSdeG-PSOE en Pontevedra Mónica Patxot

A situación convulsa que vive o PSOE en Madrid e Galicia trasládase a Pontevedra e coa posible investidura de Mariano Rajoy como detonante. Son cada vez máis os cargos orgánicos que entenden que, aqueles que teñen responsabilidades na xestión do partido, deber mostrar un posicionamento "claro": absterse ou votar en contra dun goberno do PP.

Un deles é o secretario local do PSdeG-PSOE en Pontevedra, Agustín Fernández. Presentou un escrito no que, a título particular, solicita a convocatoria dun comité provincial. Nel, espera que os catro membros do comité federal que son de Pontevedra, Abel Caballero, Carmela Silva, Antón Louro e Pablo García, expliquen cal é a súa postura.

Tanto eles como a propia executiva provincial "deben posicionarse", asegura Fernández, e desvelar se están dispostos a permitir que goberne Rajoy cunha posible abstención do PSOE no debate de investidura.

O líder dos socialistas na cidade de Pontevedra, partidario de que o PSOE manteña o seu "non" a Rajoy, esixe coñecer tamén a súa postura acerca da posible celebración dun novo congreso extraordinario, precedido dun proceso de primarias, para elixir o substituto de Pedro Sánchez como secretario xeral "canto antes". 

DIVISIÓN NA EXECUTIVA PROVINCIAL

Este escrito non foi debatido na reunión da executiva provincial, celebrada onte á noite en Pontevedra, e onde quedou evidenciada a división existente actualmente na dirección do partido na provincia.

Fontes consultadas por PontevedraViva confirmaron que, polo menos cinco das agrupacións locais representadas nesta executiva, criticaron "duramente" ao seu secretario xeral, Santos Héctor, ao que esixiron que non realice declaracións públicas nas que cuestione a "lexitimidade" da xestora. 

Aseguran que os posicionamentos de Héctor "non representan o sentir" da executiva provincial, onde non se aprobou resolución algunha neste sentido, polo que entenden que o seu actual secretario provincial non é a persoa "máis adecuada" para unir as diferentes "sensibilidades" que existen no seo do partido.

Os membros da executiva, segundo estas mesmas fontes, cuestionaron a actitude "desleal" de Santos Héctor durante a campaña electoral do 25-S e lembráronlle que como máximo responsable do partido en Pontevedra, igual que reclama á xestora, debería "asumir as súas responsabilidades" polos resultados do PSdeG na provincia. 

Pola súa banda, o secretario xeral do PSdeG-PSOE en Pontevedra fixo unha lectura completamente diferente sobre unha comisión executiva provincial onde, dixo, produciuse un debate "desde o máximo respecto e cordialidade".

Nela, unha "maioría" dos seus membros mostráronse "partidarios" de esixir responsabilidades á xestora do PSdeG ente o "fracaso electoral" das recentes eleccións galegas, porque segundo Héctor desde a dimisión de José Ramón Gómez Besteiro como secretario xeral, "hai unha situación de falta de proxecto e alternativa ao PP"

Ante a "inacción" do órgano que preside Pilar Cancela, o secretario provincial dos socialistas pontevedreses asegurou que a "única alternativa" para a unidade do PSOE galego foi "impulsada" polo alcalde de Vigo, Abel Caballero, apoiada por "moitos outros" rexedores de toda Galicia e que foi "paralizada" pola celebración de primarias.

Tras a derrota electoral, engadiu, "ninguén asumiu ningunha responsabilidade" e os que sinala como responsables "queren perpetuarse no poder sen dar ningunha explicación", a pesar de que Santos Héctor entende que é o momento de iniciar un "novo rumbo" en Galicia que conte cun "liderado social recoñecido".