A partir deste martes 1 de marzo e ata o 21 deste mes permanecerá aberto o prazo de admisión nos centros escolares para o próximo curso 2022/23, un período dirixido a aquel alumnado que entra por primeira vez no sistema educativo. Tamén afecta a aqueles estudantes de Infantil, Primaria, ESO e de Bacharelato que queren cambiar de centro escolar, sempre que haxa prazas dispoñibles, segundo informan desde a Consellería de Educación.
É necesario presentar a solicitude no centro de primeira opción, a través dunha única solicitude na que se permite establecer seis centros por orde de preferencia. Tamén se precisa copia do DNI da persoa solicitante e dos membros computables da unidade familiar, cando se denegue a súa consulta na propia solicitude; un documento acreditativo que demostre a idade do escolar; un certificado oficial do expediente académica en caso de cambio de centro; e sentenza xudicial de separación ou de divorcio e/ou o convenio regulador onde figure a custodia do menor, para as familias que se atopen nesta situación.
No caso de que se presenten máis solicitudes que as prazas vacantes, a normativa establece unha baremación das solicitudes nos 10 días hábiles contados a partir dos dous seguintes ao peche do prazo para a presentación de solicitudes. Neste caso, o proceso finalizaría o 6 de abril.
O centro publicará as listaxes de admisión e non admisión entre o 25 de abril coa posibilidade de que as persoas afectadas poidan presentar unha reclamación no plaazo de cinco días a partir da publicación. As listas definitivas presentaranse antes do 15 de maio. O prazo da matrícula establécese a finais de xuño.
A Consellería de Educación pon ao dispor das familias unha ferramenta informática, a través da aplicación admisionalumnado, que permite cubrir a solicitude directamente. Admite que se marquen os criterios do barem que queren que se valoren e pódese presentar de forma presencial no centro ou por vía electróncia a través da propia aplicación.
As familias contarán coa posibilidade de consultar o estado de tramitación da solicitude nas distintas fases do procedemento utilizando o código que xera a aplicación ao cumprimentar a solicitude, xunto co DNI da persoa asinante.