Abren unha investigación para buscar as vítimas dunha denuncia de abusos no colexio Sagrado Corazón hai 34 anos

Pontevedra
12 de xaneiro 2022

O colexio abriu unha investigación para "verificar" unha denuncia difundida polo xornal El País sobre un posible caso de abusos sexuais no curso 1987-1988 , dos que sería responsable un relixiosO, "Padre M". Convidan a calquera persoa que poida achegar información a que lla faga chegar

Instalacións do colexio Sagrado Corazón de Jesús

O colexio Sagrado Corazón de Jesús de Pontevedra abriu unha investigación para "verificar os feitos" que figuran nunha denuncia difundida polo xornal El País sobre un posible caso de abusos sexuais que se produciu neste centro educativo 34 cursos atrás. 

A investigación busca tamén pescudar "a identidade das presuntas vítimas e victimarios", pois son datos que non se inclúen na citada publicación dEl País. 

Trataríase dunha denuncia por uns feitos producidos no curso 1987-1988 no colexio pontevedrés, dos que sería responsable un relixioso da Congregación de Misioneiros do Sagrado Corazón de Jesús, titular do citado centro educativo. O único dato que se deu a coñecer é que o agresor sería o relixioso "Padre  M".

O colexio decidiu abrir esta investigación tras a publicación o pasado 19 de decembro por El País dun artigo sobre as denuncias de abusos que este diario entregara ao Vaticano. Nesta información, engádese unha lista de feitos nas que figura este de Pontevedra. 

A investigación aberta no centro pontevedrés adiantouna este mércores a xornalista Chus Gómez no xornal Diario de Pontevedra. O propio colexio anuncioulla á comunidade educativa nunha carta enviada ás familias. 

A carta, á que tivo acceso PontevedraViva, explica que, unha vez coñecida a información sobre a denuncia, a Congregación de Misioneiros do Sagrado Corazón de Jesús decidiu abrir unha investigación  e, "como parte da investigación aberta", convidan a calquera persoa que poida achegar información a que llo faga chegar

A invitación vai dirixida a calquera persoa, "incluída a persoa denunciante" e pode enviarse calquera información á dirección de correo electrónico seguridadponte@misacores.org.

O colexio tamén manifestou a súa "determinación de protexer en todo momento a seguridade e integridade" de todos os membros da comunidade educativa, moi particularmente os menores de idade, e o seu "rotundo rexeitamento" a calquera conduta que os poida poñer en risco.

A carta a firma en Madrid o pasado 23 de decembro de 2021 Francisco Blanco Martín, Superior da provincia española da Congregación de Misioneiros do Sagrado Corazón de Jesús. 

O informe de El País no que se basea esta investigación inclúe 251 casos de acusacións de pederastia que o xornal entregou ao Vaticano e á Igrexa española, cos datos fundamentais de cada un deles e unha síntese dos feitos denunciados. Como resultado, a Iglesia abriu unha gran investigación sen precedentes en España.