Abren as inscricións para as rutas de setembro do programa '+Bosques'

Pontevedra
18 de agosto 2024

Serán en total nove percorridos que se celebrarán todos os sábados e domingos do mes, en sete espazos naturais tanto da costa como do interior da provincia cos que se pode coñecer a variedade de ecosistemas ricos en biodiversidade de Pontevedra

Lago Castiñeiras Deputación de Pontevedra

A Deputación de Pontevedra abre este luns 19 de agosto o prazo de inscrición para participar nas rutas do mes de setembro do programa provincial '+Bosques'.

Serán en total nove percorridos que se celebrarán todos os sábados e domingos do mes, en sete espazos naturais tanto da costa como do interior da provincia cos que se pode coñecer a variedade de ecosistemas ricos en biodiversidade de Pontevedra.

As rutas programadas no mes de setembro son as seguintes: no río Almofrei (Pontevedra) o domingo 1, no lago Castiñeiras (Marín e Vilaboa) o sábado 7 e o domingo 29, no río Xabriña (Covelo) o domingo 8, no pazo de Lourizán (Pontevedra) os sábados 14 e 28, na illa de Tambo (Poio) o domingo 15, en Cabo Udra (Bueu) o sábado 21 e no parque natural do Carreirón (A Illa de Arousa) o sábado 22.

As persoas interesadas deberán cubrir este luns a partir das 9:00 horas da mañá un formulario en liña, cun máximo de tres acompañantes.

As rutas concíbense como unha experiencia chea de estímulos para comprender o método de aplicación do "baño de bosque" e a conexión directa en e coa natureza. Promoverase a estimulación sensorial a través dos cinco sentidos, así como exercicios físicos e psicolóxicos para comprender, entender e fortalecer os lazos co medio natural da provincia.

As inscricións para as últimas rutas do programa, que oferta oito saídas en outubro, abrirán o luns 16 de setembro.