Abre o primeiro tramo de Benito Corbal para o desfile do entroido do sábado

Pontevedra
01 de marzo 2019

Este tramo quedará totalmente expedito para que as góndolas do entroido poidan pasar sen problemas polo percorrido

Apertura do tramo en obras da rúa Benito Corbal Mónica Patxot

O Concello de Pontevedra deixa aberta a rúa Benito Corbal, entre Sagasta e Lepanto, na xornada deste venres para garantir o desfile do entroido do sábado pola tarde. O primeiro tramo desta reforma xa está acabada, agás o asfaltado, que se fará ao final de toda a obra. O alcalde Miguel Anxo Fernández Lores comprobou a situación da rúa na que se traballaba retirando o valado e pendente dun fresado final nas últimas horas.

A obra suspenderase até despois do entroido, cando se retome para completar a ampliación de beirarrúas (1,20 metros a ambos lados), a eliminación do estacionamento no lateral esquerdo e a creación de aparcamentos de servizo no dereito dende Lepanto a Cobián Areal. Quedará un carril de circulación que dará servizo aos establecementos comerciais e tamén ao estacionamento de Barcelos.

O entronque coa rúa Lepanto farase ao final da obra, agardando a que a Xunta remate a súa actuación no vello edificio administrativo, e coincidindo coa propia reforma da rúa Lepanto que tamén está adxudicada. Esta última actuación non se comezou por recomendación técnica que desaconsellaba realizar en paralelo as dúas obras.

A parte final dos traballos será o asfaltado de todo o tramo reformado, que se fará unha vez que conclúa a ampliación de toda a rúa.

O alcalde lembrou que se trata dunha obra demanda polos comerciantes que reclamaban estacionamentos de servizos e máis espazos para os peóns, especialmente nesta rúa cunha densidade de tránsito peonil moi elevada.

A reforma de Benito Corbal foi adxudicada á empresa E.C.Casas por valor de 147.587,89 euros.