Abre o prazo para presentar reclamacións ao expediente de transmisión do Pazo de Lourizán da Deputación á Xunta

Pontevedra
11 de abril 2023

O pleno da Deputación de Pontevedra o 31 de marzo aprobaba o expediente de transmisión da titularidade deste espazo, que pertence á institución provincial, a favor da Xunta de Galicia. Neste espazo se sitúan edificiacións como o Pazo de Lourizán, a Escola de Capataces, Invernadoiro e Laboratorio, entre outras. Durante vinte días hábiles, as persoas interesadas teñen a posibilidade de presentar reclamacións ou facer alegacións

Pazo de Lourizán Mónica Patxot

O 31 de marzo deste 2023, o pleno da Deputación de Pontevedra aprobaba o expediente para transmitir a titularidade do predio de Lourizán, propiedade da institución provincial, a favor da Xunta de Galicia.

Este espazo figura no inventario de bienes e dereitos da Deputación como "Terrenos de la granja de Lourizán" e figura como ben demanial de servizo público. Nestes terreos tamén aparecen inscritos o Pazo de Lourizán, Escola de Capataces, Invernadoiro e Laboratorio, entre outras.

Nesa sesión plenaria acordaba conceder un prazo de vinte días hábiles, contados desde este mércores 12, despois de que neste martes apareza publicada a decisión no Boletín Oficial da Provincia, para que aquelas persoas interesadas teñan a posibilidade de examinar o expediente e, durante o mesmo prazo, darlle audiencia para os efectos de presentar as reclamacións e facer as alegacións ou as suxerencias que estimen oportunas.

Se non se formulan reclamacións durante o período de exposición pública, o acordo provisional de transmisión da titularidade do recinto de Lourizán á administración autonómica considerarase elevado a definitivo.

Durante o prazo de exposición pública, de acordo coa Lei de Transparencia, publícanse na páxina web da Deputación, a través da ligazón correspondente a documentos expuestos a información pública. Alí figuran as memorias xustificativas, informes e demais documentación que constan no expediente de aprobación inicial da transmisión da titularidade do predio de Lourizán, propiedade da Deputación a favor da Xunta.

Agora, o goberno galego deberá manter os seus fins de servizo público, sen prexuízo de desenvolver outras actividades complementarias de finalidade pública como divulgativas, turísticas ou recreativas. En caso de incumprirse as condicións reverterase de maneira automática a situación retornando as instalacións á Deputación de Pontevedra.