Concienciar ao alumnado da repercusión que ten a ciencia na sociedade actual, ese é o obxectivo do concurso escolar "A química na vida cotiá" que forma parte das actividades da Semana da Ciencia 2019 e que promove a Estación Fitopatolóxica de Areeiro da Deputación de Pontevedra.
Este certame, convocado pola delegación do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) en Galicia, está dirixido a escolares de calquera localidade de España, divididos en tres categorías de idade: de 6 a 7 anos, de 8 a 9 anos e de 10 a 11 anos.
O alumnado que queira participar, deberá facer un único debuxo en calquera tipo de técnica (acuarela, cera, témpera, etc) relacionado coa temática "A química na vida cotiá". Será nunha cartolina branca formato DIN A4 e deberán acompañalo dun frase explicativa ou slogan. Así mesmo, na parte posterior deberá poñer o nome, apelidos, idade, centro escolar e datos familiares de contacto (teléfono, dirección e correo electrónico).
O prazo de presentación das obras finalizará o día 8 de novembro e presentaranse, preferiblemente, a través dos centros escolares que limitarán a un máximo de 10 os debuxos presentados en cada categoría de idade e deberán enviarse, ou presentarse no Liceo Casino de Pontevedra nun sobre pechado e sinalando a referencia ao concurso escolar de debuxo "A química na vida cotiá".
O xurado estará formado por representantes das intituciones participantes así como por unha docente da área de Ciencias e un artista plástico. De todos os debuxos presentados, escolleranse dez debuxos finalistas en cada categoría e entre eles, adxudicarase un primeiro e segundo premio en cada unha delas (100 e 50 euros en material de debuxo ou librería respectivamente) así como un premio especial para os concursantes dos concellos de Pontevedra, Marín e Poio, tamén en cada categoría (de 150 euros en material).
Os debuxos presentados serán expostos do 18 ao 22 de novembro no Liceo Casino, lugar onde ser dará a lista dos finalistas e premiados, así como a entrega de galardóns. Todo iso será o último día da exposición a partir das 19:30 horas nun acto que se celebrará con motivo da Semana da Ciencia 2019.