Abre a Oficina da Feira Franca 2018, que estará adicada ás lendas

Pontevedra
14 de xuño 2018

Esta oficina canalizará todas as peticións da hostalería para montar nas dúas xornadas da Feira Franca; dos particulares que queiran montar mesa para celebrar ceas e xantares no ámbito da Feira Franca e dos artesáns que desexen participar no mercado medieval

Xantares na rúa na Feira Franca Cristina Saiz

A Feira Franca xa está en marcha. Este venres abre a oficina da festa na súa situación habitual e o Consello Aberto xa acordou que a temática desta edición serán as lendas.

A oficina da Feira Franca abrirá no edificio municipal de Alfonso XIII (o antigo conservatorio). A oficina estará aberta de 09.00 a 14.00 horas de luns a venres, ata o vindeiro 16 de xullo.

Como vén sendo habitual, esta oficina canalizará todas as peticións da hostalería para montar nas dúas xornadas da Feira Franca; dos particulares que queiran montar mesa para celebrar ceas e xantares no ámbito da Feira Franca e dos artesáns que desexen participar no mercado medieval.

Ademais, esta semana celebrouse o Consello Aberto da Feira Franca no que participan distintas asociacións e entidades do concello para facer balance da anterior edición e fixar a temática de cara á vindeira edición que será o 31 de agosto e 1 de setembro.

Nesta ocasión valoraron o éxito da anterior edición, especialmente no tocante ás actuacións e eventos organizados como o torneo medieval que se celebra na praza de Touros, e que todas as entidades acordaron manter de cara á vindeira edición, que terá como temática as lendas.

Arquivado en