A chegada da primavera e o, máis que previsible, aumento de persoas paseando ou facendo deporte ao aire libre levou ao goberno municipal a impulsar durante o mes de abril unha actuación para 'poñer a punto' o paseo peonil de Beiramar.
Será un "lavado de cara", segundo a responsable da área de mantemento de espazos públicos, Eva Vilaverde, para deixar esta zona en condicións "óptimas".
Nunha primeira fase, as brigadas municipais actuarán no tramo comprendido entre a rotonda de Malvar e a ponte das Correntes, pensando na próxima apertura do paseo peonil e ciclista a Marín, cuxa obra está a piques de finalizar.
Abordarán un tratamento "integral" de todo este paseo, solucionando as deficiencias detectadas na análise realizada meses atrás. Unha vez estea completada esta fase, os traballos continuarán co resto do itinerario a beiras do río.
A renovación do pavimento será un dos eixos desta actuación, repoñendo lousas ou lastras deterioradas. Ademais, haberá un foco especial sobre a pasarela que pasa por baixo da ponte da Barca, cuxas láminas de madeira atópanse en moi mal estado.
En materia de eficiencia enerxética, repararanse as balizas e os farois altos da Avenida de Marín e substituiranse os puntos de luz actuais por LED. En total, actuarase sobre 124 balizas e 81 luminarias altas, segundo explicou Eva Vilaverde.
Tamén se arranxarán outras 76 balizas entre San Roque e a ponte das Correntes, os 17 báculos da Avenida de Marín, que serán pintados e recibirán un tratamento anticorrosivo, e 15 bancos, incluídos os situados nos dous miradoiros.
Os operarios revisarán o estado no que se atopa a varanda do río, que a priori non necesita reparacións, mellorarase a actual parada de autobuses aos pés do Monte do Taco, comprobarase o estado das fontes e repoñeranse as bicicletas brancas que forman parte do monumento en homenaxe aos ciclistas falecidos en accidentes.
Todos estes traballos arrancarán o próximo 6 de abril e prolongaranse durante todo o mes.