A Deputación de Pontevedra abriu o prazo para os premios #MulleresQueOpinan.
Estes galardóns están destinados a impulsar a opinión xornalística feminina e fomentar o nacemento de novas voces no ámbito da opinión.
Premiarán con 1.000 euros os mellores artigos, escritos tanto en galego como en castelán, que aborden as temáticas tratadas no encontro "As mulleres que opinan son perigrosas", celebrado durante esta fin de semana no Teatro Principal de Pontevedra.
Os Premios #MulleresQueOpinan, promovidos pola institución provincial en colaboración co Concello de Pontevedra, están abertos a artigos que reflictan a experiencia persoal como espectadora ou asistente ao encontro, así como a reflexións sobre os temas discutidos nos relatorios e nas roldas de preguntas.
O único requisito é que o texto acredite a asistencia ao foro.
Os artigos presentados deben ser orixinais, contar cun titular e un corpo de texto cunha extensión máxima de 3.000 caracteres, sen contar espazos.
Aceptan tanto textos inéditos como artigos xa publicados por xornalistas que cubriron o foro e publicaron os seus textos nos medios que traballan.
As bases do certame están dispoñibles no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra.
O prazo para presentar as solicitudes, preferiblemente a través da sede electrónica da Deputación, finalizará o 8 de abril.