Despois dun ano sen executarse por "falta de fondos", o certame Pontedetapas e Pontedecóctel regresa a Pontevedra cunha nova edición para desestacionalizar e dinamizar o consumo nun dos meses máis frouxos para a hostalaría.
A Concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías, confirmou este venres que o concurso que elixe o mellor petisco e o mellor cóctel da Boa Vila celebrarase entre o 13 e o 27 de novembro desde a hora de apertura da cociña do local, até as 14:00 horas, e desde a hora de apertura da cociña até as 22:00 horas pola noite. A franxa, indican desde o Concello, "poderá ser ampliada, pero en ningún caso reducida".
Nel poderán participar todos os establecementos de hostalaría legalmente constituídos no termo municipal de Pontevedra, que previamente deberán inscribirse enviando a folla de inscrición ao correo info@trisquelia.com, por whatsapp (669459453) ou levándoa persoalmente á oficina municipal de Turismo da praza de España. O prazo xa está aberto e pecha o 17 de outubro.
Como todos os anos, a organización estableceu tres modalidades de participación: 'Tapa tradicional', á mellor tapa inspirada no recetario tradicional; 'Tapa creativa', a tapa máis orixinal elaborada con técnicas, presentación e combinacións innovadoras, e 'Cóctel', que valora a presentación, elaboración, sabor e calidade dos produtos presentados na bebida.
Cada establecemento poderá concursar nunha, en dúas ou nas tres modalidades, pero só poderá facelo cunha creación por modalidade. Cos cócteles, en cambio, poderá haber unha creación con alcol e outra sen alcol.
O prezo fixado de venda ao público manterase como en anos anteriores, sendo de 4 euros na modalidade 'tapas' e de 6 euros en 'cóctel' con independencia da consumición de calquera bebida ou outro produto.
A decisión de deixar o mesmo prezo que anos anteriores, indicou Gulías, "supón un sobre esforzo para os hostaleiros porque o prezo das materias primas subiron", por iso esperan "enganchar á xente" para que participe neste certame e decida cal é a mellor tapa e o mellor cóctel de Pontevedra.
PREMIOS PARA O PÚBLICO
Mediante a súa votación, os clientes que consuman as tapas e cócteles do concurso poderán participar nun sorteo de dous premios de 500 euros en vales para gastar na hostalaría local.
Ademais, o dez primeiros consumidores que presenten o 'Pasaporte Pontedetapas' selado por todos os locais participantes, terán dereito a un agasallo seguro, consistente nunha cea para dúas persoas valorada en 60 euros a escoller entre todos os establecementos do concurso.