Aberto o prazo para que as ANPAS de educación especial soliciten financiar as súas actividades

Pontevedra
25 de maio 2020

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional publica este luns 25 de maio no Diario Oficial de Galicia a convocatoria das axudas para financiar actividades das confederacións, federacións e asociacións de nais e pais de alumnado de centros de educación especial para este ano 2020

Visita ás instalacións da Fundación Juan XXIII no Lago de Castiñeiras Concello de Marín

A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional publica este luns 25 de maio no Diario Oficial de Galicia a convocatoria das axudas para financiar actividades das confederacións, federacións e asociacións de nais e pais de alumnado de centros de educación especial para este ano 2020.

A finalidade destas axudas é apoiar e potenciar que se poidan levar a cabo diferentes actividades por parte dos mencionados colectivos, mediante a subvención dos gastos ocasionados pola realización das mesmas, nos que tamén se inclúen os derivados da xestión administrativa, adquisición de material non inventariable e mantemento ordinario das instalacións.

En total o departamento educativo da Xunta destinará a estas axudas un orzamento de 73.927,15€, contía que pode ampliarse, tal e como se recolle na propia convocatoria, coas transferencias que se reciban do Ministerio de Educación e Formación Profesional.

As entidades interesadas dispoñen de prazo ata o vindeiro 25 de xuño para facer a correspondente solicitude, que deberá presentarse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Para a presentación das solicitudes poderase empregar calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365.