Aberto o prazo de presentación de candidaturas para o Premio Xove Empresario

Pontevedra
08 de febreiro 2022

Nesta 25 edición, por primeira vez a entrega do premio trasladarase a fóra da cidade de Pontevedra. O acto terá lugar o xoves 10 de marzo no Pazo O Castriño en Vilagarcía de Arousa

Presentación do Premio Xove Empresario 2021 pola directiva da Asociación de Jóvenes Empresarios (AJE-Pontevedra) Mónica Patxot

Tras a suspensión da edición de 2020 pola situación sanitaria, a Asociación de Jóvenes Empresarios de Pontevedra (AJE-Pontevedra) retoma o seu tradicional Premio Xove Empresario, correspondente ao ano 2021.

Nesta 25 edición, por primeira vez a entrega do premio trasladarase a fóra da cidade de Pontevedra. O acto terá lugar o xoves 10 de marzo, ás 20:30 horas, no Pazo O Castriño en Vilagarcía de Arousa.

O presidente de AJE, Jesús Rey, presentaba este martes as bases do premio acompañado de membros da directiva: a secretaria Alicia Montes e as vocais Valeria Giráldez e María Buceta.

Convócanse dous premios principais, ao Xove Empresario do ano 2021 e á Iniciativa Emprendedora do ano 2021. Tamén dúas mencións de honra, en Innovación e en Responsabilidade Social Empresarial, ás que optarán todas as candidaturas presentadas. O quinto galardón será o Premio Honorífico a un empresario de recoñecido prestixio da provincia de Pontevedra, cuxo nome anunciarase en días vindeiros.

REQUISITOS

As candidaturas xunto coa documentación sinalada nas bases, e que poden consultarse a través da web www.ajepontevedra.es poderá presentarse ata o domingo 6 de marzo ás 23:59 horas. Poderán presentarse todos aqueles empresarios e emprendedores menores de 41 anos a 31 de decembro do 2021.

No caso de Xove Empresario do Ano 2021, a empresa ten que estar constituída con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2020, e no que se refire á Iniciativa Emprendedora 2021, debe ter un proxecto de empresa a punto da súa posta en marcha ou empresa constituída con posterioridade ao 1 de xaneiro do 2020.

En todos os casos, é requisito ter o domicilio social na provincia de Pontevedra; o capital social das empresas candidatas deberá estar participado nun 25% como mínimo por persoas físicas menores de 41 anos; a empresa non poderá estar participada por entidades ou empresas de titularidade pública; teñen que estar ao corrente das súas obrigas fiscais, pagos de cotas á Seguridade Social e non ter contraída débeda algunha coa Comunidade Autónoma de Galicia; non ter solicitado declaración de concurso; non ter sido declarado insolvente ou en concurso nin estar suxeito a intervención xudicial nin inhabilitado conforme a lei concursal; e asistencia obrigatoria ao acto de entrega dos premios.

PREMIOS

  • Xove Empresario do ano 2021: dotado de cheque económico para gastos de consolidación de 500 euros,  ordenador persoal HP, un ipad, cheque de 6.000 euros en formaciones de Galicia Business School, un ano de afiliación gratuíta en AJE e escultura conmemorativa.
  • Iniciativa Emprendedora do ano 2021: un cheque económico para gastos de constitución de 500 euros, ordenador persoal HP, un ipad, cheque de 6.000 euros en formaciones de Galicia Business School, un despacho no Viveiro de Empresas de Barro-Meis, un ano de afiliación gratuíta en AJE e escultura conmemorativa.
  • Mención de honra en Innovación: un iPad, cheque de 2.000 euros en formaciones de Galicia Business School, 6 meses afiliación gratuita en AJE e escultura conmemorativa.
  • Mención de honra en Responsabilidade Social Empresarial: un iPad, cheque de 2.000 euros en formaciones de Galicia Business School, 6 meses afiliación gratuíta en AJE e escultura conmemorativa.
  • Premio Honorífico ao empresario de recoñecido prestixio da provincia de Pontevedra.