Aberto o prazo de inscrición para os oito baños de bosque previstos pola Deputación

Pontevedra
22 de maio 2023

As rutas de 'Bosques Terapéuticos' celebraranse no mes de xuño, xullo e agosto pola Carballeira de San Xusto, a Fervenza do Toxa, a Ruta da Pedra e da Auga, a Ponte Colgante do Lérez, o Lago Castiñeiras, o Río Eifonso e a Illa de Tambo

Miradoiro da Toxa Deputación de Pontevedra

Desde este luns permanece aberto o prazo para participar nos oito baños de bosque que se inclúen dentro do programa de xuño da campaña 'Bosques Terapéuticos'.

As solicitudes de inscrición están dispoñibles na páxina web da Deputación de Pontevedra.

Ao longo de xuño os percorridos van desenvolverse entre o 3 e o 25 de xuño pola Carballeira de San Xusto (Cerdedo-Cotobade); a Fervenza do Toxa (en Silleda); a Ruta da Pedra e da Auga (no Concello de Meis); tamén pola contorna da Ponte Colgante do Lérez (Cerdedo-Cotobade e Campo Lameiro); o Lago de Castiñeiras (Vilaboa-Marín); o Río Eifonso (Vigo); e a Carballeira da Illa de Tambo (Poio).

En cada unha das rutas ofértanse 15 prazas, atendendo ás especiais condicións de tranquilidade e respecto á natureza que se precisan para o desenvolvemento da actividade.

As visitas terán unha duración de entre hora e media e dúas horas. Comezarán ás 10.00 horas e van desenvolverse baixo criterios de tranquilidade e conexión coa natureza.

Por outra banda, a Deputación tamén abre este luns as inscricións para a ruta ornitolóxica 'Voando nas Rías Baixas'. A praia da Lanzada acollerá a camiñada guiada e gratuíta que se vai desenvolver o 4 de xuño. Só van ofertarse 25 prazas.