O Concello de Bueu acaba de abrir o prazo de inscrición para os premios dos desfiles do Entroido, unha das celebracións máis esperadas do ano no municipio.
As persoas e agrupacións interesadas en participar poderán formalizar a súa inscrición antes do 4 de marzo para o Desfile do Enterriño da Sardiña e antes do 7 de marzo para o Desfile do Enterro do Paxaro de Mal Agoiro. As bases foron publicadas este martes 25 de febreiro no Boletín Oficial da Provincia (BOPPO).
Os desfiles, que contarán cunha dotación total de 6.500 euros en premios, terán lugar en datas distintas: o Enterriño da Sardiña celebrarase o mércores 5 de marzo ás 17.00 horas, mentres que o Enterro do Paxaro de Mal Agoiro terá lugar o domingo 9 de marzo á mesma hora
. Ambos eventos prometen ser unha mostra de creatividade e tradición, con participacións de comparsas, agrupacións e veciños do municipio.
Como novidade, este ano establecéronse premios específicos para as anpas do municipio, unha categoría que se engade ás xa existentes.
Ademais, as agrupacións de máis de quince compoñentes recibirán unha cantidade fixa por participar: 500 euros para as comparsas de Bueu que formen parte dos actos programados durante todo o Entroido, 150 euros para as que participen no Enterriño da Sardiña e 120 euros para as que o fagan no Enterro do Paxaro de Mal Agoiro.

Os premios para o Enterro do Paxaro de Mal Agoiro repártense en varias categorías:
Comparsas de Bueu: 150 euros (1º premio), 100 euros (2º), 75 euros (3º) e 50 euros (4º).
Agrupacións de máis de 15 compoñentes: 250 euros (1º), 175 euros (2º) e 100 euros (3º).
Agrupacións de entre 3 e 15 compoñentes: 100 euros (1º) e 80 euros (2º).
Anpas do municipio: 150 euros (1º), 100 euros (2º), 75 euros (3º) e 50 euros (4º).
Parellas: 100 euros (1º) e 80 euros (2º).
Premios individuais: 80 euros (1º) e 50 euros (2º).
No caso de que as condicións meteorolóxicas non acompañen, a Comisión de Entroido, formada por unha representante do Concello e colectivos do Entroido, será a encargada de decidir se os desfiles se celebran ou non.
As bases completas e o formulario de inscrición están dispoñibles na páxina web do Concello de Bueu.