Aberta a matrícula do curso de mediación civil, familiar e comunitaria na UNED

Pontevedra
03 de outubro 2023

O curso vai desenvolverse entre o 16 de outubro deste ano e o 16 de xaneiro de 2024 cunha duración de 200 horas establecidas en parte teórica, práctica e a presentación dun traballo final

O curso de mediación da UNED vai dirixido, entre outros profesionais, a policías locais Policía Local de Poio

Aquelas persoas interesadas en participar na sexta edición do curso de Mediación Civil, Familiar e Comunitaria do Centro Asociado da UNED en Pontevedra poden xa matricularse.

Este curso impartirase en liña, en directo ou en diferido, entre o 16 de outubro e o 16 de xaneiro de 2024. O número de horas lectivas ascende a 200 e o custo da matrícula é de 400 euros.

Belén Romero Sáez, profesora titora de UNED Pontevedra e avogada especialista en Dereito Civil, de familia, Administrativo e Penal, dirixe o curso. Rafael Cotelo Pazos será o encargado da coordinación como responsable de Extensión Universitaria e Actividades Culturais da UNED en Pontevedra.

Javier Mingorance será o relator. Trátase dun pedagogo colexiado, mediador rexistrado no Rexistro de Mediadores do Ministerio de Xustiza de España, mediador habilitado polo Departament de Xustiza da Generalitat de Catalunya, experto en prevención da violencia contra as mulleres e Máster Internacional Universitario de Seguridade en OCTY pola CEU San Pablo Máster Oficial Universitario en Criminología: Delincuencia. 

O curso diríxese a profesionais xuristas, educadores, pedagogos, criminólogos, sociólogos, integradores sociais, procuradores, traballadores sociais, policías locais, mediadores comunitarios e todas aquelas persoas interesadas nesta formación, con Titulación Universitaria ou no último curso con perspectiva de finalizar a carreira no actual ano académico ou que teña un tíulo de Forrmación Profesional Superior. A UNED ofrece este curso a aquelas persoas interesadas en acreditarse como mediador ante o Rexistro de Mediadores Estatal do Ministerio de Xustiza de España. Neste sentido ofrécese unha especialización na resolución de conflitos de materia civil, mercantil e familiar.

O alumnado formarase para exercer profesionalmente a mediación en España dentro do marco legal que establece a Lei 5/2012. Durante as sesións ofreceranse aspectos relacionados co desenvolvemento de competencias profesionais para xestionar as fases da mediación, diagnosticar tipos de conflitos coas súas relacións e variables, ademais de coñecer o marco xurídico na mediación civil, familiar e comunitaria, entre outras cuestións.

Impartiranse, ademais, coñecementos sobre documentación básica administrativa da mediación e a adquisición de habilidades e destrezas psicolóxicas e sociais para a resolución de conflitos empregando a mediación.  

Finalizado o curso, o alumnado debe dispoñer de Seguro de Responsabilidade Civil, documento vixente necesario para a formalizar a inscrición, e é recomendable aínda que non obrigatorio que se inscriban no colexio profesional correspondente ou a unha asociación de mediadores.