Abel Losada acusa o PP de "mentir con descaro" ao culpar ao Goberno do atraso na dragaxe do Lérez

Pontevedra
15 de novembro 2024
Actualizado: 21:43

O subdelegado entende que esta manobra dos 'populares' é un "balonazo á bancada" e que o PP, "certamente afogado nos lodos de Valencia", está metido nunha "voráxine verbal"

Río Lérez coa marea baixa á altura dos terreos de Tafisa Mónica Patxot

O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, saíu ao paso das "desafortunadísimas" declaracións da senadora do Partido Popular Pepa Pardo.

Considera que están "plagadas dunha linguaxe groseira" e que culpa a Pedro Sánchez, que é presidente do Goberno de España desde hai seis anos, "do feito obxectivo de que a Xunta de Galicia leve quince anos prometendo a dragaxe do fondo da Ría de Pontevedra".

Abel Losada lembra que en todo este tempo xa "desfilaron" catro directores de Portos de Galicia sen que a obra se execute.

O subdelegado entende que esta manobra dos 'populares' é un "balonazo á bancada" e que o PP, "certamente afogado nos lodos de Valencia", está metido nunha "voráxine verbal na que xa pouco importa o que se di, senón máis ben como se di".

Losada apunta que "unha cousa é buscar culpas retroactivas a quen nin sequera estaba no Goberno cando o problema xurdiu e outra mentir con descaro".

Así, indicou que a competencia para efectuar a dragaxe do Lérez e a Ría de Pontevedra e buscar un punto de vertedura para os áridos que se extraian é da Xunta de Galicia "hoxe e hai quince anos".

Engade que o Goberno de España debe facer un estudo dos dous puntos de vertedura xa propostos pola Xunta a través do Centro de Estudos e Experimentación de Obras Públicas (CEDEX) e logo emitir un informe de Costas. Esta documentación presentouse por parte da Xunta de Galicia "fai moi pouco tempo".

O subdelegado tamén sostén que é "rotundamente falso" que o orzamento da Xunta teña 3 millóns de euros "bloqueados" e afirma que son "exactamente 100.000 euros" os que están consignados "é dicir, a habitual partida testemuñal que se arrastra dun ano a outro sen executarse".

Por último, sentencia que "os compromisos a futuro neste tema por parte da Xunta xa sabemos a credibilidade que teñen: Ningunha".