Abel Losada destaca os investimentos no castelo de Soutomaior e na carballeira de Caldas

Umia
16 de decembro 2024

O Goberno de España asignou de fondos europeos 2,5 millóns de euros para a mellora da iluminación e accesibilidade do castelo de Soutomaior e 1,45 millóns para a recuperación da carballeira de Caldas

Presentación do proxecto da Carballeira de Caldas de Reis Subdelegación do Goberno

O subdelegado do Goberno en Pontevedra, Abel Losada, visitou este luns Caldas de Reis para poñer en valor a concesión ao Concello de 1.452.000 euros por parte do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo para a recuperación da Carballeira e do Xardín Botánico, no marco do Programa de mellora da competitividade e dinamización do patrimonio histórico con uso turístico. Trátase dunha axuda financiada con fondos europeos Next Generation.

O subdelegado tamén destacou outro importante investimento na provincia con cargo ao mesmo programa: a Deputación de Pontevedra recibirá 2.514.122 euros para a mellora patrimonial do Castelo de Soutomaior.

Este proxecto, que foi presentado polo anterior goberno provincial, presidido por Carmela Silva, inclúe a mellora da iluminación, a accesibilidade e a incorporación de tecnoloxías de realidade virtual para enriquecer a experiencia dos visitantes.

Losada visitou este luns a carballeira de Caldas de Reis acompañado do alcalde, Juan Manuel Rey, dos concelleiros Jacobo Pérez, Manuel Fariña e Juan Carlos Ortigueira, así como do enxeñeiro agrónomo redactor do proxecto, Pedro Calaza.

Durante o acto de presentación da intervención plantáronse de modo simbólico tres exemplares de carballo.

O subdelegado salientou que "estes fondos son un exemplo claro de como as axudas europeas continúan chegando a cada recuncho da provincia de Pontevedra", e que permitirán potenciar o turismo cultural, "mediante proxectos de moi importante nivel, que conxugan a rehabilitación e a posta en valor do patrimonio histórico cun uso turístico claro".

As actuacións previstas inclúen a conservación, o mantemento e a rehabilitación da Carballeira e do Xardín Botánico, declarados Ben de Interese Cultural (BIC) dende 1962.