Nin 24 horas tardou o alcalde de Vigo, Abel Caballero, en pronunciarse sobre as 1.400 prazas de aparcadoiro que Sanidade proxecta para o Gran Montecelo. Fíxoo para advertir que estará "moi atento" ante a súa posible gratuidade.
O rexedor vigués lembra que o aparcadoiro habilitado polo goberno galego no hospital Álvaro Cunqueiro é de pago, polo que se o que vai ter o novo Montecelo acaba sendo gratis para os seus usuarios, reclama que o de Vigo tamén o sexa.
O certo é que, por agora, Sanidade asegura non ter decidido aínda se os dous aparcadoiros proxectados para Pontevedra van ser de carácter gratuíto ou se serán xestionados por unha empresa privada ou unha entidade social vía concesión administrativa.
Caballero asegura, neste sentido, que apoia que o aparcadoiro que se creará tras a remodelación do actual Montecelo acabe sendo gratuíto, a condición de que tamén o sexa o do Álvaro Cunqueiro.
Se así o fora, continuou, o aparcamento que constrúe o Concello de Vigo nos exteriores do recinto hospitalario sería gratuíto para todos a veciños da área metropolitana e non só para os empadroados na cidade olívica, como está exposto neste momento.