Abanca atenderá Campo Lameiro cunha oficina móbil tres días á semana

Umia
21 de setembro 2021

Tres días á semana -martes, mércores e xoves- e, a maiores, os días 4 e 20 de cada mes, coincidindo coa celebración da feira. Son os días nos que Abanca enviará unha oficina móbil a Campo Lameiro para atender aos seus clientes, tras o peche da súa sucursal

Oficina de Abanca en Campo Lameiro Concello de Campo Lameiro

Tres días á semana -martes, mércores e xoves- e, a maiores, os días 4 e 20 de cada mes, coincidindo coa celebración da feira. Son os días nos que Abanca enviará unha oficina móbil a Campo Lameiro para atender aos seus clientes, tras o peche da súa sucursal.

O horario de atención ao público da oficina móbil será de 9 a 14 horas de maneira ininterrompida os martes e os xoves e os mércores será pola tarde de 17 a 19 horas. Os días de feira a atención concentrarase pola mañá, de 9 a 14 horas.

Haberá ademais un caixeiro automático de última xeración con todas as súas funcións activadas e un sistema operativo de fácil manexo para maiores e os non familiarizados coa tecnoloxía.

Este caixeiro contará cun menú sinxelo e intuitivo e, durante as primeiras semanas, haberá ademais un servizo de apoio cunha persoa que axude a comprender o seu funcionamento.

A recuperación destes servizos farase de maneira gradual. O vindeiro venres 24 de setembro activarase o caixeiro, o 5 de outubro comezará a operar a unidade móbil bancaria e a atención ás feiras terá lugar a partir do mes de novembro.

O Concello destaca que coa unidade bancaria móbil e o caixeiro os veciños terán á súa disposición un servizo que permite realizar de forma cómoda e segura as operacións máis necesarias e frecuentes na operatoria diaria: retirada e ingreso de efectivo, pago de recibos e impostos con tarxeta ou caderno, transferencias e traspasos ou solicitude de movementos.