Abanca anuncia que en setembro pechará a oficina de Campelo

Poio
10 de agosto 2021

Poio perde unha nova oficina de Abanca tras o peche en Raxó. A sucursal de Campelo sería trasladada a Combarro e no seu lugar quedaría un caixeiro automático. Desde o Concello anúnciase unha convocatoria extraordinaria da Xunta de Portavoces e, de ser necesario, tamén mobilizacións

Oficina de Abanca en Campelo (Poio) Google

Responsables de Abanca comunicaban ao Concello de Poio o peche inminente da oficina situada en Campelo, na rúa Pedro Soto Couselo.

Este anuncio realizábase nunha reunión mantida este martes 10 de agosto entre o alcalde, Luciano Sobral, e a tenente de alcalde, Chelo Besada, con responsables da firma bancaria. No transcurso da mesma deron traslado aos dirixentes municipais da súa decisión de cesar este servizo a partir do vindeiro mes de setembro.

Segundo explicou o rexedor poiense ao término deste encontro, a intención de Abanca é trasladar a oficina a Combarro, permanecendo unicamente operativo o caixeiro existente nestas dependencias de Campelo.

Tanto o alcalde Sobral como Chelo Besada coinciden á hora de definir como "totalmente insuficiente" esta medida, a cal "non imos aceptar sen máis". Engaden os responsables municipais que "a veciñanza precisa dunhas instalacións para dispor de servizos e xestións que non se poden tramitar a través dun caixeiro automático" e que isto vai a obrigar a moitas persoas a ter que desprazarse ata outras parroquias para poder acudir á súa oficina.

"Non todo o mundo dispón de medios para poder trasladarse de xeito específico para este tipo de xestións. Consideramos que Campelo é un núcleo o suficientemente importante como para que continúe tendo operativa unha sucursal", manifestan desde o Concello.

Ante esta situación, o Goberno municipal manifesta o seu firme rexeitamento ao peche da sucursal de Abanca en Campelo e comprométese a facer todo o que estea na súa man para intentar frear esta decisión, incluíndo a organización de mobilizacións de protesta, entre outras medidas.

Neste sentido, Sobral e Besada adiantaron que nos vindeiros días se realizará unha convocatoria extraordinaria da Xunta de Portavoces, para que os catro grupos da Corporación municipal poidan realizar achegas de cara á organización de futuras actuacións.

Luciano Sobral lembra que o peche de sucursais xa se vén producindo nos últimos anos no municipio, como sucedeu, coa de Raxó no seu día, co grave prexuízo que iso supón para a veciñanza. "Un concello como Poio, con máis de 17.000 habitantes e que durante o verán se converte nun destino turístico importante, vendo ampliada de xeito exponencial a súa poboación, merece dispoñer deste tipo de servizos con todas as garantías. Máxime cando falamos de núcleos como Campelo", apuntaba o rexedor.

 

REACCIÓN DO GRUPO MUNICIPAL SOCIALISTA

O PSdeG-PSOE de Poio manifesta nunha nota remitida aos medios de comunicación que esixe a Abanca que manteña operativa a oficina de Campelo.

O grupo municipal socialista rexeita por completo o proceder de Abanca que deste xeito mantén a súa filosofía de destruír postos de traballo e reducir servizos á cidadanía, a pesares dos beneficios económicos que consegue ano tras ano, argumentan.

O voceiro socialista, Gregorio Agís, manifesta que "pretender defender este peche argumentando que o caixeiro automático seguirá operativo é unha tomadura de pelo para a veciñanza" e lembra que "esta política de recortes, que conta co beneplácito da Xunta, xa provocou o peche doutras oficinas en Poio, onde hai varios núcleos que nen sequera dispoñen de caixeiros". O PSOE apoiará calquera medida ou mobilización que axude a paralizar este peche.