Abanca acapara a maioría das reclamacións diante de Consumo por comisións abusivas

Pontevedra
21 de marzo 2021

O Instituto Galego de Consumo mediou o pasado ano en 440 reclamacións pola cobranza de comisións abusivas por parte de entidades bancarias e o 90% delas resolvéronse a favor do cliente sendo Abanca a entidade que xerou a inmensa maioría desas reclamacións

Caixeiro de Abanca Mónica Patxot

O Instituto Galego de Consumo mediou o pasado ano en 440 reclamacións pola cobranza de comisións abusivas por parte de entidades bancarias e o 90% delas resolvéronse a favor do cliente sendo Abanca a entidade que xerou a inmensa maioría desas reclamacións.

O director xeral de Comercio, Manuel Heredia, facilitou estes datos na comisión de economía do Parlamento galego celebrada esta semana. 

Atendendo a unha pregunta parlamentaria da deputada do BNG, Noa Presas o director xeral de Comercio sinalou que desde a Xunta "mantivemos unha reunión coa entidade bancaria implicada para mediar" á vez que trasladaron ao Banco de España a "preocupación" do Goberno galego pola situación de "os clientes máis vulnerables" dado o "especial contexto" como consecuencia da crise derivada da pandemia.

Heredia incidiu en que, para resolver estas reclamacións, o Ministerio de Consumo e as comunidades acordaron un "criterio único que considera inxustificado que unha entidade bancaria modifique as condicións do contrato de forma unilateral ou co fin de cobrar comisións se a oferta comercial inclúe as expresións 'sen gastos' e 'sen comisións', tal e como expuña Galicia".

A deputada do Bloque lamentou que a entidade estea a utilizar "a coartada da covid" para implantar novas condicións, e reclamou "máis contundencia e máis actuación" por parte da Xunta.

Desde o Partido Socialista o deputado Francisco Rivera lembraron que este tipo de comisións "non se negociaron co cliente, non figuran contractualmente e son impostas" de forma unilateral por Abanca, ademais de que "non foron notificadas en moitos casos".

O malestar é de tal magnitude que máis de 124.000 persoas asinaron unha petición na plataforma Change.org contra estas cobranzas abusivas por parte de Abanca por "comisións de mantemento" e "gastos de administración" que a Asociación de consumidores e usuarios (Acouga) e o Sindicato Labrego Galego entregaron na oficina central de Abanca na Coruña.