A xustiza desestima as reclamacións realizadas por oito traballadores de Emerxencias de Sanxenxo

Sanxenxo
02 de maio 2021

Catro sentencias firmes do TSXG e unha quinta do xulgado do social de Pontevedra foron ditadas entre o 12 e o 21 de  abri

Servizo municipal de Emerxencias de Sanxenxo nun incendio Concello de Sanxenxo

O Concello de Sanxenxo recibiu na última semana cinco sentencias referentes ás reclamacións laborais efectuadas por oito traballadores do servizo de Emerxencias. A Xustiza desestimou cada unha delas, aínda que na que se solicita o complemento de nocturnidade aínda se pode recorrer diante do TSXG.

Firmes son xa as sentenzas para catro traballadores do servizo que interpuxeron outras tantas demandas individuais solicitando equiparar o seu complemento específico co dos oficiais-capataces de obras, servizos e xardíns. As súas reclamacións económicas oscilaban entre os 6.185 e os 10.968 euros de cada un deles. 

As catro reclamacións foron desestimadas en primeira instancia e tamén agora polo TSXG con datas do 12,16, 20 e 21 de abril polo que xa son sentenzas firmes. Respecto diso os fallos din textualmente “mentres o traballador demandante realiza gardas de 24 horas (68 ao ano) de dispoñibilidade actuando cando se require a súa intervención (34 intervencións por traballador e ano) as persoas con quen se pretende comparar realizan traballo efectivo durante toda a súa xornada”.

Os efectivos do servizo de Emerxencias traballan só 68 días ao ano, un cómputo que dista moito do resto dos empregados municipais que traballan 240 días. Esta diferenza débese a que decidiron que, en lugar de facer maioritariamente quendas de 8 horas por exemplo a Policía Local, só realizan gardas de 24 horas, o que xera case catro días libres por garda, sen contar as fins de semana. 

NOCTURNIDADE

Os catro traballadores da anterior demanda e outros catro máis presentaron unha nova demanda colectiva solicitando o abono da nocturnidade dos anos 2017, 2018 e 2019. A sentenza de primeira instancia e con data do 19 de abril desestima igualmente a reclamación da cobranza de nocturnidade por parte destes traballadores.  

Unha reclamación que o Concello nunca entendeu porque os traballadores deste servizo cobran nocturnidade desde 2013 como recolle a propia sentenza, que ademais engade “que se lles subiu o soldo todo o que permitía a normativa orzamentaria estatal”. As cinco sentencias veñen avalar a decisión do goberno de non aceptar estas reclamacións dos oito, dos 18 cos que conta o servizo, traballadores de Emerxencias.