A Xustiza dá a razón aos socialistas no seu contencioso coa Deputación sobre Pasarón

Pontevedra
12 de novembro 2013

Unha sentenza conclúe que a institución provincial vulnerou os dereitos fundamentais dos diputadosdel PSdeG-PSOE ao no facilitarlles a información que solicitaran sobre o sobrecusto da obra do estadio. Non existe condena, pero a Deputación si estará obrigada a facilitar todos os datos solicitados e que antes negaran. Ata agora, aínda non han ter acceso á mesma, pero esperan tela nun prazo curto de tempo

Deputados do grupo provincial do PSdeG-PSOE nun pleno da Deputación Mónica Patxot

A Deputación de Pontevedra vulnerou os dereitos fundamentais dos deputados do Grupo Provincial do PSdeG-PSOE ao non facilitarlles a información que solicitaran sobre o sobrecusto da obra do estadio de Pasarón. Así se desprende dunha sentenza do Xulgado do Contencioso Administrativo número 1 de Pontevedra na que estima o recurso presentado polos socialistas contra a institución provincial polo seu silencio administrativo na solicitude de acceso ao expediente das obras.

O secretario do PSdeG-PSOE en Pontevedra e deputado provincial Santos Héctor presentou un recurso contencioso administrativo por vulneración de dereitos fundamentais e, tras estudar o asunto, a xuíza decidiu estimalo. Non existe condena para a Deputación Provincial, pero a institución si estará obrigada a facilitar todos os datos solicitados e que antes negaran aos socialistas. Ata agora, aínda non han ter acceso á mesma, pero esperan tela nun prazo curto de tempo.

O deputado provincial e secretario dos socialistas pontevedreses, Santos Héctor, presentara dous recursos contencioso administrativos pola vulneración dos seus dereitos fundamentais ao non facilitárselle información, como membros da Deputación, sobre as obras de Pasarón e sobre os convenios asinados con cinco concellos pontevedreses para a organización de La Vuelta Ciclista a España.

O xulgado só resolveu o recurso sobre Pasarón, pero Santos Héctor valora que "vista esta sentenza, espero que non nos poñan máis problemas para darnos máis información tanto da Vuelta como doutras cousas". Ademais, confía en que "a partir de agora teñamos acceso" ás xestións da Deputación.

Santos Héctor lamenta "ter que acudir á Xustiza para que sexan transparentes" e recorda que "é un dereito que todos os cidadáns coñezan por que unha obra licitada por 7,5 millóns custou 15,8".

Á hora de valorar a sentenza, o deputado socialista insistiu en que "a propia Deputación recoñece a súa culpa", pois cando o Xulgado deulle un prazo de cinco días para responder por que non facilitara o expediente ao PSdeG-PSOE na documentación enviada pola asesoría xurídica da institución provincial recoñeceuse que o expediente non fora entregado pese a que a normativa interna de funcionamento establece que a petición de acceso a información realizada por calquera membro da Corporación entenderase concedida por silencio administrativo no prazo de cinco días.

Respecto diso, na documentación de resposta remitida pola Deputación ao Xulgado recóllese que non se entregou o expediente aos socialistas por "omisión involuntaria motivada pola acumulación de tarefas que xera un servizo da embergadura do de Contratación, Facenda e Patrimonio".

Insisten en que "non existiu intención por parte desta institución de vetar ou impedir o exercicio do seu dereito de acceso á información inherente á súa condición de deputado provincial".