A xustiza avala que en Galicia a máscara sexa obrigatoria dentro dos colexios

Pontevedra
21 de outubro 2021

Fíxoo tras desestimar o recurso presentado pola asociación Domo Acción Galicia, que entendía que o uso continuado da máscara provocaba "danos irreversibles e irreparables" aos menores, vulnerando o seu dereito á vida, á integridade física e á súa moral

Colexio de Portonovo Concello de Sanxenxo

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia avalou o protocolo aprobado pola Xunta para os colexios durante o curso pasado, que obrigaba ao estudantado de centros non universitarios de Galicia a utilizar máscara debido á crise sanitaria.

Fíxoo tras desestimar o recurso presentado pola asociación Domo Acción Galicia, que entendía que o uso continuado da máscara provocaba "danos e prexuízos" aos menores, vulnerando o seu dereito á vida, á integridade física e á súa moral.

Este colectivo insistía que esta medida xerou danos "irreversibles e irreparables" na saúde dos menores que foron obrigados a levala no interior dos colexios.

Pero os maxistrados do TSXG subliñan na súa sentenza que o uso da máscara ten unha "eficacia demostrada" para previr a propagación do virus e protexer ás persoas sas.

"Non pode prevalecer o interese particular de quen sofre unha incomodidade no uso da máscara fronte ao interese público, cuxa salvagarda subxace na obrigación do seu uso", conclúen os xuíces na súa sentenza.

O alto tribunal galego considera que a intervención estatal na liberdade individual resulta "proporcionada aos fins buscados", que son a protección da saúde dos cidadáns e unha protección terapéutica "non especialmente invasiva".

O TSXG destaca na súa resolución, contra a que cabe presentar recurso, que "debe prevalecer o obxectivo constitucional de protección da saúde de todos".