A xustiza avala limitar desde mañá as reunións sociais en Galicia

Pontevedra
23 de xullo 2021

A partir das 00:00 horas deste sábado, o número de persoas que se poderán reunir en espazos públicos ou privados quedará limitado a seis en interiores e dez en exteriores. Esta medida, que necesita aval xudicial, foi autorizada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia

Xente paseando con máscaras e nas terrazas de Pontevedra

A partir das 00:00 horas deste sábado, o número de persoas que se poderán reunir en espazos públicos ou privados quedará limitado a seis en interiores e dez en exteriores. Esta medida, que necesita aval xudicial, foi autorizada polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Os maxistrados entenden que as novas restricións acordadas pola Xunta de Galicia son "idóneas, necesarias e proporcionadas" para conter a expansión da covid-19, cuxa transmisión se incrementou nas últimas dúas semanas, do mesmo xeito que as hospitalizacións.

Ademais, a decisión do TSXG apoia tamén a prohibición de encontros entre non conviventes entre as tres e as seis da madrugada -entre a unha e as seis nos concellos en nivel alto ou extremo, como é o caso de Pontevedra e gran parte do Salnés-.

O TSXG considera que o goberno galego xustificou a existencia dun perigo para a saúde da poboación, que se pode ver agravado se esas medidas non se adoptan, así como que carece doutros medios menos agresivos para afrontalo.

Ademais, destaca que as medidas "responden a unha situación clara de incremento do virus" e asegura que "non teñen un impacto significativo" no dereito de reunión, máis necesitado de control no horario nocturno, frecuentado por mozos "máis proclives ao contacto social".

Para autorizar as limitacións, os xuíces tiveron en conta un informe conxunto elaborado pola subdirectora xeral de Información sobre Saúde e Epidemioloxía e por unha experta universitaria en vacinas, o cal ampara as medidas debido á evolución negativa da pandemia.

Ademais deste documento técnico, a sección terceira da Sala do Contencioso-administrativo do TSXG examinou os gráficos que mostran a evolución dos contaxios en cada municipio nas dúas últimas semanas, os cales revelan un "preocupante incremento" na transmisión da infección e a existencia dunha "porcentaxe de positividade progresiva".

Así, indican que, na primeira semana, a incidencia acumulada se situou en 278 casos por cada 100.000 habitantes, para pasar, no seguintes sete días, a 418. A peor evolución rexístrase, segundo destaca o TSXG, nas áreas de Ourense e Pontevedra, onde tamén se incrementaron as hospitalizacións e os ingresos nas unidades de críticos.