A Xunta volve comprometerse a mellorar a sala de espera das vítimas de violencia de xénero nos xulgados

Pontevedra
23 de novembro 2017

A administración recorda que o novo edificio xudicial que está en construcción na Parda permitirá mellorar a sala de espera da que dispoñen as vítimas de violencia de xénero e os menores. Á espera da finalización das obras, prevista para o ano que vén, acondicionarase a sala actual 

Sala de atención ás vitimas de violencia de xénero
Sala de atención ás vitimas de violencia de xénero / Sindicato Profesional de Xustiza

A Xunta de Galicia respondeu este xoves ás críticas realizadas desde o Sindicato Profesional de Xustiza da Unión Sindical Obrera (SPJ-USO) sobre as malas condicións de intimidade e benestar da sala de espera das vítimas de violencia de xénero e menores situada no Xulgado de Instrucción número 3 de Pontevedra, especializado en violencia de xénero e con sede na Parda.

A súa resposta pasa por asegurar que a sala "será acondicionada para que sexa máis cómoda e acolledora".

O compromiso da Xunta, que fai público a través dun comunicado de prensa, non é novo, pois xa a principios deste ano 2017 a administración autonómica comprometeuse co sindicato demandante a que buscaría unha solución á situación. Máis de medio ano despois, non se cumpriu. 

Neste caso, a Xunta recordou que o novo edificio xudicial que está en construcción na Parda permitirá mellorar a sala de espera da que dispoñen as vítimas de violencia de xénero e os menores. Á espera da finalización das obras, prevista para o ano que vén, acondicionarase a sala actual

Ademais, a administración lembra que o apoio ás vítimas é unha das prioridades da Xunta, "tanto para ofrecerlles tódalas facilidades posibles como para apoialas durante o proceso xudicial". De feito, insisten en que recentemente se asinou un convenio co colexio oficial de Psicoloxía de Galicia para dotar de psicólogos ás oficinas de atención ás vítimas nas sete cidades, incluída Pontevedra.

No novo edificio xudicial haberá unha redistribución de espazos en todo o complexo e proporcionarase máis superficie e comodidade ás vítimas, pero a Xunta recorda que o inmoble actual, construído nos inicios da década dos 90 do pasado século, non contaba orixinariamente con ningún espazo para a espera da vítima e recentemente habilitouse unha sala na planta baixa do edificio, próxima ás salas de vistas, onde a vítima pode agardar antes de ser chamada nas dilixencias xudiciais.