Piden a Xustiza "feitos contra a violencia de xénero, non só palabras e campañas publicitarias"
Por Natalia Puga
Ás portas do día internacional da non violencia contra a muller, o próximo 25 de novembro, o Sindicato Profesional de Xustiza da Unión Sindical Obrera (SPJ-USO) volve sacar á luz as deficiencias xa denunciadas no pasado en canto á atención ás vítimas de violencia de xénero en Pontevedra. En concreto, denuncian que pasado máis de medio ano desde a última vez que denunciaron a situación, a administración segue sen facer nada.
Nilo Fernández Taboada, delegado en Pontevedra de SPJ-USO, pide á Dirección Xeral de Xustiza da Xunta de Galicia "feitos contra a violencia de xénero, non só palabras e campañas publicitarias", que, ademais, proliferan nestes días previos á conmemoración do 25 de novembro.
O sindicato denuncia a "inactividade e a pasividade" da administración autonómica, pero tamén as súas "promesas incumpridas", pois a principios deste ano 2017 presentaron escritos reclamando o acondicionamento e adecentamento da sala de espera das vítimas de violencia de xénero e menores situada no Xulgado de Instrucción número 3 de Pontevedra, especializado en violencia de xénero e con sede na Parda, e naquel momento a administración comprometeuse a mellorar a situación.
Máis de medio ano despois desa promesa "todo segue igual e vese o lamentable das instalacións", de modo que decidieron volver sacar á luz a problemática.
Nilo Fernández denuncia que, tal e como pasaba a principios de ano, esa sala de espera para as vítimas é un arquivo que non cumpre as mínimas condicións hixiénicas nin garante un mínimo de intimidade e benestar para unhas vítimas nunha situación de "moita carga emocional" e que están "sufrindo unha situación de vulnerabilidade máxima" na que necesitan un mínimo de benestar.
Outro xulgado do edificio xudicial utiliza ese mesmo cuarto como arquivo e tan só hai uns armarios arquivadores que separan a sala na que agardan as vítimas e menores da zona na que o outro xulgado almacena a súa documentación xudicial.
Ademais, a sala dispón dunha fiestra de grandes dimensións que dá aos pasillos do edificio, de modo que non garante en absoluto a intimidade da vítima e dos menores. E tampouco se garante a comodidade da vítima, pois na sala só hai unhas sillas incómodas.