A Xunta ten con Elnosa o "mesmo posicionamento" que con ENCE: son "determinantes" para Galicia

Pontevedra
05 de febreiro 2016

Tras coñecerse a prórroga que o Goberno concedeu a Ence para que continúe coa súa actividade en Lourizán durante 60 anos máis, moitos se preguntaron: e Elnosa que? Pois esa dúbida resolveuna este venres o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, que acudiu á cidade para participar no IV Foro Empresa, organizado por AEMPE e AJE Pontevedra

Vista aérea da fábrica de Elnosa PontevedraViva

Tras coñecerse a prórroga que o Goberno concedeu a Ence para que continúe coa súa actividade en Lourizán durante 60 anos máis, moitos se preguntaron: e Elnosa que? Pois esa dúbida resolveuna este venres o conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, que acudiu á cidade para participar no IV Foro Empresa, organizado por AEMPE e AJE Pontevedra.

Máis aló das súas "particularidades urbanísticas", Francisco Conde asegurou que o goberno que preside Alberto Núñez Feijóo ten o "mesmo posicionamento" con Elnosa que con Ence. Entende que ambas as compañías son "determinantes" dentro do tecido empresarial e económico de Galicia, polo que avanzou que a cloreira "sabe que conta co apoio" da Xunta para a súa continuidade en Lourizán.

Para iso, o conselleiro explicou que a empresa "o único que ten que facer" é cumprir con dous requisitos. Por unha banda, que se cumpran os "condicionamentos" ambientais e se comprometa a realizar investimentos encamiñados a cambiar a súa tecnoloxía de produción e, por outro, que presente ante o Concello de Pontevedra a súa "planificación urbanística" para que poida ter os "permisos pertinentes".

Neste sentido, Conde fixo un chamamento á "responsabilidade" do Concello de Pontevedra para que "colaboren" tanto con Elnosa como con Ence e "no marco da legalidade" achegue solucións aos problemas "concretos", implicándose "igual que outros concellos" con empresas que "queren investir" en Galicia, creando postos de traballo, fortalecendo o tecido económico galego e "abrindo oportunidades" para os mozos.

PLANTA DE BIOMASA

Un destes proxectos sería, segundo o conselleiro, o da planta de biomasa de 40 MW que Ence estuda implantar en Pontevedra e ante a cal, matizou, a Xunta ve unha "oportunidade". Haberá que competir, dixo, con Huelva ou Castela A Mancha, xa que unha instalación dese tipo, á parte de xerar emprego, serviría segundo Francisco Conde para axudar á ordenación forestal e á prevención de incendios.

"Galicia vai a apostar porque ese proxecto recale aquí", reiterou o conselleiro

Francisco Conde sinalou que Ence ten un "papel central" en Galicia porque achega "riqueza" ao sector forestal, unha das cadeas produtivas con maior actividade e que, sinalou, funciona como "tractor" ao ter a capacidade de "tirar" de pequenas e medianas empresas, do mesmo xeito que fan Pemex no sector naval, Citröen no automobilístico ou Reganosa no enerxético.

Por iso, o titular de Economía, Emprego e Industria asegura "respectar" aos miles de pontevedreses que o pasado venres se manifestaron polas rúas de Pontevedra para esixir a saída de Ence da ría de Pontevedra, pero tamén reclama "ese mesmo respecto" para os que apostan pola súa continuidade porque a situación da pasteira era "sinxela", ou seguía na ría ou se iría de Galicia.

O conselleiro reiterou que o debate "non é Ence se ou Ence non", senón que se debe decidir "querer industria en Galicia, querer crear emprego e apostar polo futuro para os nosos mozos ou non" e, nese marco, "o goberno ten claro que se tiña que quedar".