Unha vez que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) decidira suspender este xoves o uso do certificado covid na hostalería e o lecer nocturno, ás 20.15 horas desta mesma xornada, a Xunta de Galicia anunciou a través dun comunicado que solicitará ao TSXG a ratificación do requisito deste certificado para a entrada na hostalería nos niveis máis altos de restricións.
O executivo que dirixe Alberto Núñez Feijóo entende que esta solicitude realizarase canto antes para evitar calquera dúbida en relación coa vixencia e eficacia destes documentos e fomentar a seguridade xurídica. Por este motivo, avanza que "poderá ser solicitada" este venres 13 pola mañá, para obter o criterio do alto tribunal de maneira inmediata.
Segundo o comunicado da Xunta, o Tribunal a pesar de desestimar a medida de suspensión do certificado solicitada por colectivos de hostalería manifestou que, no seu criterio,a medida non podía ter efectos porque non fora sometida a autorización xudicial, dado que afecta a dereitos fundamentais.
A Xunta entende que as medidas non afectan a dereitos fundamentais e estima que o máis procedente é solicitar a autorización no menor tempo posible. No comunicado indica que a administración autonómica ten como empeño garantir o libre exercicio das actividades económicas, compatibilizándoas coa maior seguridade sanitaria posible.
Lembra que a esixencia do certificado permitiu a apertura dos interiores da hostalería e restauración en situacións en que antes estaban pechados, así como no lecer nocturno, en circunstancias en que anteriormente estaba suspendida. Por iso entende que a esixencia de certificados é unha medida alternativa menos gravosa ao peche das actividades e alega que as medidas se basean no artigo 31.1 da Lei de Saúde pública de Galicia, que permite que as autoridades sanitarias autonómicas adopten medidas preventivas de obrigado cumprimento cando exista ou sospeite a existencia dun risco inminente e grave para a saúde da poboación.
Segundo fontes da Consellería de Sanidade, ese aval por parte da Xunta sería para todo o uso do certificado, por tanto, en hostelería en nivel máximo e alto para evitar o peche previo a súa utilización e no ocio nocturno en medio e medio baixo para permitir a apertura destes establecementos.