A Xunta saca a licitación as obras que completan a mellora da PO-234 entre Laxoso e o cruce de Portasouto

Ponte Caldelas
27 de marzo 2024
Actualizado: 30 de setembro

O obxectivo da Xunta é adxudicar as obras no mes de xuño e comezar os traballos no mes de xullo, cun prazo de execución de 8 meses

Estrada PO-234 en Ponte Caldelas Concello de Ponte Caldelas

A Xunta vén de licitar este mércores por 1.023.808 euros as obras de acondicionamento da estrada autonómica PO-234 entre Laxoso e o cruce do Portasouto, no concello de Ponte Caldelas.

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia publica este 27 de marzo esta contratación, que completará as actuacións de mellora da PO-234 entre Cerdedo-Cotobade e Ponte Caldelas, incluíndo as obras a mellora puntual do trazado, a ampliación da calzada e a mellora das interseccións das vías públicas coa estrada autonómica.

As empresas interesadas neste contrato poderán presentar as súas ofertas ata o día 22 de abril. 

O obxectivo da Xunta é adxudicar as obras no mes de xuño e comezar os traballos no mes de xullo, cun prazo de execución de 8 meses.

O investimento global desta nova intervención supera os 1,14 millóns de euros, tendo conta o pagamento dos predios precisos para executar esta obra que consistirá na corrección do trazado e ampliación da calzada ata os 7 metros de ancho, ademais de mellorar as interseccións dos viarios públicos coa estrada autonómica.

Esta nova intervención da Xunta completa o acondicionamento desta vía que une os núcleos de Ponte Caldelas e Aguasantas, en Cerdedo-Cotobade, estando xa executadas as dúas fases anteriores cun investimento autonómico de preto de 1,25 millóns de euros.