A Xunta rexeita a solicitude do Defensor de anular o convenio dos Baños do San Xusto e mantén o seu financiamento

Ponte Caldelas
13 de maio 2020

O informe do executivo galego vén respaldado polos ditames favorables da asesoría xurídica, a dirección de orzamentos e a Intervención Xeral. Reitera que se trata dun proxecto piloto e único que se axustou á lei de transparencia e detecta anomalías no informe do Defensor

Defensor del Pueblo Defensor del Pueblo

A Xunta de Galicia vén de emitir un escrito de resposta ao ditame do Defensor del Pueblo no que recomenda a nulidade do convenio dos Baños do San Xusto e o reintegro dos 680.000 euros para o seu financiamento e no mesmo rexeita a suxerencia da institución estatal, reafirma o seu compromiso de manter o acordo nos mesmo termos e confirma a plena validez da concesión desta partida económica.

O seu contido foi facilitado ao Concello de Cerdedo-Cotobade ao ser parte interesada.

No informe do executivo galego remitido ao Defensor del Pueblo reitérase que o acordo a tres bandas coa Fegamp e o Concello de Cerdedo-Cotobade é conforme a dereito e cumpre toda a normativa autonómica en materia de difusión, transparencia, publicidade e tramitación e axústase plenamente á Lei de Protección da Paisaxe de 2008, ao Decreto 119/2016 do Catálogo da Paisaxe de Galicia e á Lei de Subvencións de Galicia ao tempo que vén respaldado polos ditames favorables da asesoría xurídica autonómica, da Dirección Xeral de Planificación e Orzamentos e da Intervención Xeral da Xunta.

Ao respecto, a Xunta recalca que cumpríuse coa transparencia xa que o convenio remitíuse ao correspondente rexistro o 24 de maio de 2019, publicáronse no DOG os datos esixidos e incluíuse na relación de convenios neste boletín oficial o 6 de xuño de 2019 e, proba delo, é que foi coñecido por estas vías polo alcalde de Ponte Caldelas para denuncialo ante o Defensor.

Así mesmo, reitera a súa validez, xa que a normativa galega prevé a concesión directa dunha subvención a través dun convenio cando concorran as circunstancias que se dan neste caso, centradas no interese público, social e económico do proxecto e que ademais se trataba dunha iniciativa pioneira, única e experimental que debe servir como modelo de Pacto pola Paisaxe para o resto de entidades locais agora que se afronta o seu desenvolvemento.

Ademais, a Xunta sinala que, ante o seu interese por potenciar a mellora da paisaxe, o Concello de Cerdedo-Cotobade foi o único de toda Galicia que asinou o Pacto pola Paisaxe de Galicia, foi o único que presentou unha proposta integral e un proxecto detallado que incluía os Baños do San Xusto e a Ruta Cabenca-Cavadosa, asumíu obrigas ao abeiro do convenio ao realizar el mesmo esta segunda actuación e centrouse nunha Área de Especial Interese Paisaxístico.

Neste punto, o informe engade que en ningún momento o Concello de Ponte Caldelas se dirixíu ao Instituto de Estudos do Territorio para sumarse ao Pacto pola Paisaxe, non presentou ningún proxecto para o seu suposto balneario e ademais a súa hipotética zona de actuación non ten a catalogación de interese paisaxístico.

A Xunta, que reitera que o carácter experimental desta actuación e o estrito encaixe da proposta, única, de Cerdedo-Cotobade exceden a mera convocatoria pública de subvencións e ademais conta co respaldo da xurisprudencia nestas mesmas circunstancias, tamén advertíu no seu informe a existencia de certas anomalías no fallo de recomendacións emitido polo Defensor del Pueblo.

Así, admite o seu descoñecemento de se se lle dou comunicación e audiencia á Fegamp e ao Concello de Cerdedo-Cotobade como administracións afectadas, aínda que sabe, porque así llo transmitíu a administración local, que non foi informada en ningún momento. Deste xeito, estima que se incumpre a Lei Orgánica de 1981 que rexe o funcionamento do Defensor e que contempla especificamente o principio de audiencia dos interesados.

Pero máis alá diso, o informe sinala que o artigo 10.3 desta normativa do Defensor resalta que ningunha autoridade administrativa, como é o Concello de Ponte Caldelas, poderá presentar queixas sobre asuntos da súa competencia, xa que deberían dirimirse, segundo o artigo 106 da Constitución, nos tribunais xurisdiccionais, como corresponde a todas as cuestións que non sexan dereitos recollidos no título I da Carta Magna.

Por todo elo, sostén que nin o Concello de Ponte Caldelas puido presentar a denuncia ante o Defensor nin este admitila, xa que as administracións deben recurrir, segundo a lei, a outras canles.