A Xunta replica que a vertedura de Cocheras vén da rede que xestiona o concello

Pontevedra
11 de febreiro 2021

A Consellería de Infraestruturas xa incluíu a reforma deste bombeo entre as 10 obras prioritarias para avanzar no saneamento da ría, cun investimento de 15 millóns de euros

Ethel Vázquez, conselleira de Infraestruturas e Mobilidade
Ethel Vázquez, conselleira de Infraestruturas e Mobilidade

A Xunta ven de emitir un comunicado de prensa no que replica ás declaracións da concelleira responsable do Ciclo da Auga, Carme da Silva e nas que salienta que o vertido detectado esta semana na ría de Pontevedra procede do bombeo de Cocheras "e ten a súa orixe nas deficiencias da rede municipal de saneamento que xestiona o Concello de Pontevedra".

A Consellería de Infraestructuras di que este vertido ten a súa orixe "nas infiltracións de augas pluviais e procedentes do mar á rede de saneamento municipal, provocando carencias no seu funcionamento".

Dende a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, departamento que dirixe a conselleira Ethel Vázquez, afirman que o Plan de saneamento da ría de Pontevedra, durante cuxa elaboración se analizaron os sistemas que verten a estas augas, confirmou os problemas xa coñecidos desde hai anos no bombeo de Cocheras.

A reforma deste bombeo é unhas das 10 actuacións prioritarias que esta Consellería prevé executar para avanzar no saneamento da ría de Pontevedra, cun investimento de 15 millóns de euros.

O Goberno galego, "a pesar de que o saneamento é unha responsabilidade local", trasladou a súa disposición a executar estas obras a través de Augas de Galicia empregando para o seu cofinanciamento fondos europeos Feder.

 

Arquivado en