A Xunta renovará o material de diagnóstico obsoleto das consultas de atención primaria

Pontevedra
29 de maio 2019

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, explicou no Parlamento que se trata dunha das medidas a curto prazo comprometidas no Plan Galego de Atención Primaria 2019-2021

Centro de Saúde A Parda Gabriela Varela Asorey

O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, anunciou este mércores no Parlamento que o Servizo Galego de Saúde vai destinar catro millónes de euros á adquisición de novo equipamento electromédico para centros de saúde.

Segundo lembrou Almuiña, esta é unha das medidas a curto prazo comprometidas no Plan Galego de Atención Primaria 2019-2021.

A licitación deste equipamento foi publicada este mércores no perfil do contratante.

Para os centros de saúde da área sanitaria de Pontevedra serán 58 electrocardiógrafos por un valor total de 238.612 euros, 44 desfibriladores por 239.580 euros e cinco ecógrafos por 121.000 euros.

A presente contratación responde á necesidade de renovar o material de diagnóstico obsoleto das consultas de atención primaria así como a dotación do equipamento necesario de acordo coa carteira de servizos do centro.

Así, este expediente inclúe a renovación dos equipos de electrocardiografía que permitirá a realización de diagnósticos máis precisos e posibilitando o acceso ao electrocardiograma nativo ao especialista en cardioloxía. Así mesmo tamén é obxecto deste expediente a adquisición, por obsolescencia, de desfibriladores e ecógrafos, estes últimos ligados á realización de programas específicos de saúde.

PLAN GALEGO DE ATENCIÓN PRIMARIA

No transcurso da súa intervención no Parlamento, Almuiña lembrou que o Plan Galego de Atención Primaria conta cun total de 200 accións a desenvolver ata o 2021, das que un 40% son a curto prazo, un 33% a medio prazo e o 27% restante a longo prazo.

O plan conta ademais cun orzamento de 102 millóns de euros dos que 79,5 millóns serán para mellorar o equipamento dos centros e tamén para levar a cabo obras de reparación e de reforma; 5,6 millóns irán para medidas de prevención, incrementando o volume de adquisición de vacinas e 17,2 millóns destinaranse a aumentar o persoal.

O aumento de prazas, explicou o conselleiro, tradúcense na creación de 331 novos postos que se reparten entre 80 de médicos de familia, 20 de pediatra, catro de farmacéuticos,130 de enfermaría, 40 de fisioterapeutas, 20 de matronas,14 de traballadores sociais, ademais de 17 novas prazas de MIR de medicina familiar e outras seis prazas de MIR de pediatría.