Para a Xunta de Galicia non garantir a continuidade de Ence na súa actual localización de Lourizán "non é unha opción". Así de tallante se mostrou este martes o conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde.
O mesmo día no que a Audiencia Nacional se reunirá para decidir sobre a legalidade da prórroga concedida á compañía pasteira ata 2073, Conde lamentou que a fábrica de Pontevedra estea nunha "situación de inestabilidade".
Esta situación, engadiu, foi "propiciada" por unha decisión do Goberno central "que xerou un problema onde non o había" coa nova lei de cambio climático.
Agora debe ser o executivo de Pedro Sánchez, segundo o vicepresidente segundo do goberno galego, "o que poida dar unha solución concreta a Ence", para que a fábrica de celulosa poida manterse na súa actual localización.
O conselleiro de Economía entende que "temos que esperar" á decisión que adopte a Audiencia Nacional, pero insiste en que o Goberno "debe dar unha solución" para salvagardar os postos de traballo que xera a actividade de Ence en Galicia.