A Xunta reclamará ao goberno de Sánchez axilidade nos trámites para iniciar as obras previstas na ría de Pontevedra

Pontevedra
12 de xaneiro 2020

A administración autonómica non dará tempo de respiro ao goberno de Pedro Sánchez e esta semana que entra pedirá apoio para executar o saneamento de Raxó, no municipio de Poio e as obras de amplicación da depuradora de Praceres

Ría de Pontevedra, vista desde a Illa de Tambo PontevedraViva

Ethel Vázquez, conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, manterá este próximo martes 14 de xaneiro unha reunión de traballo co secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán. Durante este encontro está previsto que a representante da Xunta de Galicia solicite o apoio da Administración central para atender os asuntos máis prioritarios en materia de abastecemento e saneamento das augas de distintos puntos da comunidade autónoma.

Entre os asuntos que figuran na axenda da conselleira atópase o saneamento de Raxó, un punto conflitivo no municipio de Poio. E ademais, Ethel Vázquez ten previsto solicitar a maior axilidade posible na tramitación dos informes necesarios para desenvolver as obras de saneamento da ría de Pontevedra coa ampliación da estación depuradora (EDAR) dos Praceres, que proxecta a Xunta.

Precisamente, a plataforma de afectados de Lourizán está a dirixir escritos tanto á administración autonómica como ao Ministerio de Transición Ecolóxica reclamando outro modelo "máis racional" para sanear a ría de Pontevedra, opoñéndose á ampliación da depuradora.