A Xunta permite modificar o plan especial do centro histórico para reformar os edificios do Museo

Pontevedra
01 de febreiro 2022

A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural lembra ao Concello de Pontevedra que a viabilidade do proxecto estará suxeita á posibilidade da existencia de restos arqueolóxicos. A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural considera que as propostas non poñen en perigo os valores que aconsellaron a protección destes edificios e permiten dar resposta ás novas necesidades operativas do Museo

Sala do edificio Castro Monteagudo do Museo de Pontevedra
Sala do edificio Castro Monteagudo do Museo de Pontevedra / Xunta de Galicia - Arquivo

A Xunta de Galicia informou favorablemente a petición realizada polo Concello de Pontevedra para acometer a modificación puntual do Plan Especial de Protección, Reforma Interior e Conservación Artística do Conxunto Histórico-Artístico de Pontevedra (Peprica). Esta autorización permitirá que se adapten os edificios que se atopan pechados ao público do Museo Provincial. 

A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural considera que estas intervencións propostas non poñerán en perigo os valores que derivaron na protección destes inmobles e, ademais, considera que ofrecerá unha resposta ás novas necesidades operativas do Museo.

A Xunta autoriza adecuar o ámbito do Peprica para que inclúa a superficie necesaria para crear un equipamento de musealización único que posibilite o aproveitamento dos pazos de García Flórez e de Castro Monteagudo, ademais da planta baixa do edificio Fernández López, o inmoble anexo e os viais de conexión entre ambos sen modificar os usos de superficie.

A decisión da Xunta permite utilizar o subsolo e crear unha conexión baixo terra entre os distintos edificios, tal e como proxecta a Deputación de Pontevedra, titular destes inmobles, que quere comezar as obras de rehabilitación neste 2022.

No documento enviado ao Concello de Pontevedra, a autoridade autonómico lembra que a viabilidade deste proxecto atoparase suxeita á posibilidade de que aparezan restos arqueolóxicos que, pola súa relevancia, poida ser susceptibles de ser conservados in situ ou proceder á súa posta en valor ou a súa musealización.

O Museo de Pontevedra atópase situado nunha zona susceptible de conter restos en toda a súa extensión e conta con medidas protectoras neste sentido recollidas nas propias normas do Peprica, segundo indican desde Patrimonio.