A Xunta licita por 1,2 millóns de euros as obras da nova planta de transferencia de residuos da Lama​

A Lama
23 de abril 2021

Ángeles Vázquez anunciou a licitación con motivo dunha visita ao municipio. Desprazouse ata a parcela na que estará instalada, no polígono industrial de Racelo. A nova planta tamén dará servizo aos concellos de Cercedo-Cotobade, Fornelos de Montes e Ponte Caldelas, aínda que se poderá ampliar a outros municipios 

Visita de Ángeles Vázquez á parcela onde se ubicará a nova planta de transferencia da Lama Xunta de Galicia

A Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia licitou este venres por 1,2 millóns de euros as obras da nova planta de transferencia da Lama, que substituirá e mellorará a microplanta que leva anos operando neste concello pontevedrés.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, anunciou a licitación con motivo dunha visita ao municipio. Desprazouse ata a parcela na que estará instalada, no polígono industrial de Racelo.

A nova planta estará nunha parcela de case 2.300 metros cadrados e tamén dará servizo aos concellos de Cercedo-Cotobade, Fornelos de Montes e Ponte Caldelas, aínda que se poderá ampliar a outros municipios pois ten unha capacidade de transferencia de máis de 5.000 toneladas ao ano.

O presidente de Sogama, Javier Domínguez Lino, indicou que, ademais dunha nave de 600 metros cadrados, contará cos seguintes elementos: un compactador fixo, unha báscula, un sistema de translación de contedores, con capacidade para dous, un aparcamento de contedores, unha depuradora de augas residuais e paneis solares para o propio autoconsumo da planta, fomentando deste xeito as enerxías renovables.

Esta operativa permitirá transferir, ademais da bolsa negra e da bolsa amarela, a fracción de residuos orgánicos recollidos no contedor marrón, que posteriormente serán enviados á planta de biorresiduos de Vilanova de Arousa cando estea operativa.

A responsable autonómica lembrou que a Unión Europea fixou, para finais de 2023, o reto de ter implantada a recollida selectiva da materia orgánica a través do quinto contedor, o de cor marrón. Co obxectivo de axudar aos entes locais nesta responsabilidade municipal, a Xunta impulsou distintos proxectos para cumprir con este obxectivo. A licitación desta obra supón, para Ángeles Vázquez, avanzar "un chanzo máis neste camiño".

A Xunta ten definida unha rede de infraestruturas industriais para facilitar que máis de dous millóns de galegos que residen en 280 concellos conten cun servizo de valorización da materia orgánica a menos de 50 quilómetros. Esta rede está integrada polas 4 plantas de biorresiduos que constrúe a Xunta e 13 plantas de transferencia, que se construirán, modernizarán e actualizarán para garantir este servizo. A da Lama será unha delas.

Vázquez destacou que a Xunta vén mobilizando unha partida de 52 millóns de euros para mellorar a xestión dos biorresiduos e seguir reducindo así as emisións de CO2. Unha porcentaxe importante deste orzamento global (35 millóns de euros) investirase en aumentar a operatividade desta rede, concreta,ente á construción das catro novas plantas de biorresiduos que se localizarán nos concellos de Cerceda, xa operativa, Vilanova de Arousa, Cervo e Verín.

No seu conxunto poderán procesar 46.200 toneladas anuais de residuos orgánicos e material estruturante, obtendo un máximo de 13.000 toneladas de compost de calidade. Cómpre recordar que son unhas instalacións que se complementarán con outras destas características, tanto públicas como privadas, actuais e futuras, para o tratamento deste tipo de refugallos.