A Xunta intenta revitalizar a Central do Transporte de Ponte Caldelas

Ponte Caldelas
11 de setembro 2019

Trátase de adaptar este ámbito ás necesidades actuais e potenciar a oferta de solo empresarial na zona de Pontevedra

O alcalde Andrés Díaz na Central de Transportes de Ponte Caldelas Concello de Ponte Caldelas

O Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) iniciou os trámites para a modificación do proxecto sectorial da Central do Transporte de Ponte Caldelas, co fin de adaptalo ás necesidades actuais e potenciar a oferta de solo empresarial na zona de Pontevedra.

Con esta modificación búscase adaptar a configuración e a normativa da Central do Transporte, co obxectivo de impulsar a implantación de empresas.

Así, a modificación do proxecto sectorial incidirá na parcelación e usos das parcelas e en cuestións puntuais como a alineación das naves que se constrúan nas mesma ou na mellora dos servizos e dotacións das parcelas do parque empresarial.

O IGVS convocará proximamente reunións co Concello de Ponte Caldelas e coas asociacións do sector (transportistas e empresarios) co obxectivo de por en común os diferentes aspectos que se abordarán a través desta modificación.

A REIGOSA

Actualmente, a Xunta dispón en Ponte Caldelas do parque empresarial da Reigosa e da Central de Transportes, que se atopan pegadas. 

No parque empresarial da Reigosa están dispoñibles catorce parcelas, cunha superficie total de máis de 136.000 metros cadrados, mentres que a Central de Transportes ofrece máis de 37.000 metros cadrados. Nos dous casos a bonificación do prezo de venda é do 30 por cento.

Dende 2016 a Xunta adxudicou preto de 38.000 metros cadrados de solo bonificado en Ponte Caldelas. A bonificación sobre o prezo de venda dos mesmos foi de preto de 950.000 euros.