A Xunta inicia o proceso para a contratación do transporte sanitario urxente para a área de Pontevedra-O Salnés

Pontevedra
21 de marzo 2024
Actualizado: 30 de setembro

Está previsto que a mesa para a contratación deste servizo se celebre o martes 26 de marzo pola Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061. Segundo a Xunta, o contrato incorpora melloras laborais do convenio colectivo entre as empresas e os técnicos de emerxencias sanitarias en canto a reaxuste dos tempos de traballo con redución da xornada laboral e melloras en beneficios sociais

Ambulancias Xunta de Galicia

O martes 26 de marzo celebrarase a mesa para contratar o servizo de transporte sanitario urxente terrestrena área de Pontevedra-O Salnés, do mesmo xeito que o da Coruña, Baixo Miño e Vigo.

A Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 será quen realice a contratación e conta con ofertas de empresas de transporte sanitario para todos os lotes, segundo informa a Xunta de Galicia.

No caso da área sanitaria desta zona das Rías Baixas divídese en dous lotes: Pontevedra e O Salnés.

A contratación do servizo para todas as áreas ascende a un valor estimado de 48.977.831 euros, distribuídos en dúas anualidades, que se inician no mes de xuño de 2024 e en maio de 2026. O contrato terá unha duración de dous anos coa posibilidade de prórroga por un período máximo dun ano.

Este contrato incorpora melloras laborais recollidas no convenio colectivo entre as empresas e os técnicos en emerxencias sanitarias, asinado en novembro de 2023. Reaxústanse os tempos de traballo, cunha redución da xornada laboral; compensan as xornadas nocturnas con días de descanso; tamén figuran incrementos salariais e melloras sociais como a protección da maternidade e as condicións de acceso á xubilación.

A Rede de transporte sanitario urxente terrestre de Galicia-061 dispoñerá de doce ambulancias asistenciais de soporte vital avanzado medicalizadas; cinco ambulancias asistenciais de soporte vital avanzado (SVA) de enfermería; dous helicópteros medicalizados; 107 ambulancias asistenciais de soporte vital básico e tres ambulancias convencionais, segundo indican desde a administración autonómica.