A Xunta informa das axudas para reparación dos danos causados pola vaga de lumes

Pontevedra
31 de outubro 2017

Suman no seu conxunto un investimento de case 21 millóns de euros

A Xunta informa aos concellos afectados da orde de axudas para reparación dos danos causados pola vaga de lumes Mónica Patxot

A Xunta vén de informar aos concellos afectados polos incendios da orde de axudas para a reparación dos danos pola vaga de lumes.

O delegado territorial en Pontevedra mantivo un encontro cos alcaldes afectados para detallarlles a orde publicada este luns no Diario Oficial de Galicia (DOG) e as actuacións directas previstas, que suman no seu conxunto un investimento de case 21 millóns de euros.

A orde establece as bases reguladoras das axudas previstas polo decreto 102/2017, do 19 de outubro, de medidas urxentes de axuda para a reparación de danos causados polos incendios que se produciron en Galicia durante o mes de outubro.

Mediante esta orde, que prevé un investimento de máis de 11 millóns, desenvólvese o decreto e facúltase ás consellerías e as entidades do sector público para que, no ámbito das súas competencias, diten as disposicións e medidas necesarias para a súa aplicación.

Ademais, a Xunta de Galicia investirá 9,8 millóns en actuacións directas das consellerías de Medio Ambiente, Medio Rural, Economía, Emprego e Industria e Infraestruturas e Vivenda, co obxectivo de reparar os danos causados polos lumes.

Arquivado en