A Xunta indica a representantes municipais que o recurso do Estado contra a Lei do Litoral afecta a un 15% do contido

Pontevedra
10 de novembro 2023

Ángeles Vázquez, vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e Alfonso Villares, conselleiro do Mar, participaron nun encontro informativo sobre a norma autonómica en Pontevedra durante a tarde deste xoves. Defenden a constitucionalidade da norma e manteñen que achega seguridade xurídica á cadea mar-industria

Representantes da Xunta de Galicia analizan en Pontevedra o recurso do Goberno central á Lei do Litoral Xunta de Galicia

Ángeles Vázquez, vicepresidenta segunda e conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda e Alfonso Villares, conselleiro do Mar, participaron nun encontro informativo en Pontevedra sobre a norma autonómica durante a tarde deste xoves para trasladar a representantes municipais de municipios costeiros da provincia que o recurso presentado polo Goberno central ante o Tribunal Constitucional contra a Lei de Ordenación e xestión integrada do Litoral, elaborada pola Xunta de Galicia, só afecta ao 15,5% do seu contido.

Segundo figura no Boletín Oficial do Estado, explicou Vázquez, o recurso céntrase en 73 apartados e letras dos 469 que contén a lei. A conselleira avanzou que o Goberno central magnificara o impacto do recurso e, pola contra, numerosos artigos non son impugnados na súa totalidade, senón nunha pequena parte ou nun punto.

En todo caso, a representante da Xunta de Galicia mantivo en Pontevedra que o recurso supón un gran prexuízo para o tecido produtivo do litoral e para os Concellos ao quedar paralizadas todas as solicitudes recibidas desde a súa aprobación para poñer en marcha servizos esenciais no dominio público marítimo-terrestre.

Ángeles Vázquez incide en que a Lei do Litoral é a ferramenta axeitada para protexer a costa galega e anunciou que a administración autonómica permanece á espera para coñecer o contido do recurso e o ditame do Consello de Estado no que está baseado para presentar a defensa dos intereses da comunidade autónoma.

Alfonso Villares, pola súa banda, mantivo a defensa da constitucionalidade da norma e insistiu en que a Lei do Litoral pretende achegar seguridade xurídica á franxa costeira e á cadea mar-industria, que xera máis de 40.000 postos de traballo en Galicia.