O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, Román Rodríguez, asinou este martes en Pontevedra co delegado territorial da Organización Nacional de Cegos Españoles (ONCE), Manuel Martínez Pan, un convenio co obxectivo de mellorar a atención educativa do alumnado con cegueira ou deficiencia visual grave en Galicia.
Este acordo, a través do cal se incrementa un 8% a partida orzamentaria con respecto ao anterior ata acadar os 341.175 euros, permitirá a incorporación de sete profesores especializados que traballarán en centros.
Durante a sinatura no Centro de Recursos Educativos da ONCE en Pontevedra, Román Rodríguez, acompañado pola directora xeral de Ordenación e Innovación Educativa, Judith Fernández, destacou que esta sinatura renova o compromiso do Goberno galego coa inclusión educativa, poñendo énfase na atención á diversidade e na eliminación das barreiras que poidan dificultar o acceso á ensinanza do alumnado con discapacidade visual.
CRECEMENTO XENERALIZADO DA MATRÍCULA DE FP
Por outra banda, este martes Román Rodríguez subliñou o crecemento "integral e xeneralizado" da matrícula das ensinanzas de FP en todas as provincias e en todas as familias profesionais este curso académico 2024-25, onde "acadamos un novo récord histórico" con 68.823 estudantes, unha cifra que duplica a rexistrada 15 anos atrás.
Na visita ao Instituto IES Luís Seoane, o conselleiro debullou os datos pormenorizados destas ensinanzas que, en palabras do titular de Educación, afianzan "a revolución silenciosa da nosa FP".
A matrícula medra en todas as provincias, con especial forza nas áreas do Salnés, Deza-Tabeirós-Terra de Montes, A Mariña e Pontevedra.
As familias profesionais que máis soben son Instalación e mantemento, Edificación e obra civil, Comercio e márketing, Sanidade e Fabricación mecánica.
AMPLIACIÓN DO IES LUÍS SEOANE
O titular de Educación aproveitou a visita a Pontevedra para destacar especialmente o labor e a implicación dos centros educativos e do seu profesorado como "piar indiscutible" do éxito da FP e puxo como exemplo o IES Luís Seoane, que cualificou coma un "dos buques insignia" destas ensinanzas como avalan os case 900 matriculados este curso (un 10% máis), e que xunto con outros como os centros integrados de FP Carlos Oroza, A Xunqueira e Montecelo, exercen de "polos tractores" nunha cidade como Pontevedra que conta con 4.053 persoas matriculadas en FP.
Tamén se referiu ao recén creado Centro Integrado de FP CIFP Escola de Cantería de Galicia en Poio, onde a matrícula se multiplicou por catro.
Román Rodríguez explicou que o reforzo da oferta esixe tamén da necesidade de infraestruturas axeitadas e a isto responde a obra de ampliación do Luís Seoane acometida pola Consellería cun investimento de 723.000 euros, coa cal o centro dispoñe de 1.000 metros cadrados máis de superficie ao servizo do alumnado, con cinco novas aulas, unha aula-taller e unha aula de informática ademais de novos espazos para servizos comúns como vestíbulos, almacéns, aseos, vestiarios e cuartos de instalacións.